Hoxe é Luns 29 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os carteiristas fan o seu agosto na Feira de Reis

feira

Foto: Fon Conde

A policía local ten constancia de once denuncias de veciños e veciñas a quen lles roubaron a carteira na feira celebrada este 6 de xaneiro. Cartos e décimos de lotaría entre as pertenzas subtraídas. Os ladróns desfanse das billeiras de inmediato, unha vez retirado todo o que ten valor do seu interior.

A feira de Reis celebrada o pasado sábado é unha das máis multitudinarias do ano no centro da vila. Veciños e veciñas aproveitan a xornada para facer as súas compras no postos ambulantes que ateigan o Campo da Feira. Con todo, o que debe ser unha animada xornada de compras convértese para moito nun día aciago cando son vítimas dos carteiristas, verdadeiros profesionais que nun descoido son quen de levar do bolso ou do peto a carteira dos seus propietarios. Así o comprobaron alo menos once persoas, que foron as que se desprazaron ás oficinas da policía local a presentar a correspondente denuncia.

A gran afluencia de visitantes a este primeiro mercadiño do ano fai que se produzan aglomeración e descoidos. Os carteiristas aproveitan esta situación para habilmente subtraer as billeteiras. As vítimas destes sucesos salientan “a habilidade dos ladróns” que son quen de meter a man no bolso ou subtraer a carteira dun peto sen que o propietario se decate ata que precisa dos cartos.

Carteiras que adoitan aparecer porque os ladróns “quédanse cos cartos e nalgún caso cos décimos de lotaría” segundo denunciaron as vítimas. A continuación os autores do delito tíranas entre os setos ou en calquera outro sitio. Neste sentido, dende a policía fan un chamamento a que, no caso de atopar algunha carteira tirada, a levemos ás dependencias policiais para facilitar que os seus propietarios recuperen a súa documentación.

Os roubos son a cara amarga dunha cita comercial e festiva que en Redondela se vivía este sábado con intensidade ao coincidir este festivo cunha xornada solleira que animou a centos de persoas a achegarse ao centro da vila para facer as súas compras e para gozar da música das rondallas e ranchos de Reis. Máis de 300 músicos das agrupacións do CCR de Beade, Pontellas, CC Santa Eulalia de Mos, Guizán e o Rancho de Reis de Ponteareas encheron as rúas de música e baile mentres a rapazada aproveitaba para sacar a rúa os seus agasallos de Reis.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará