Hoxe é Mércores 22 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

AER expresa a súa preocupación pola “deriva” que está a tomar a formación do novo goberno

pacto

Redondela celebra este xoves (Multiúsos da Xunqueira, 20:30 horas) o pleno de organización no que se abordarán entre outras cuestións as retribucións dos concelleiros e concelleiras, persoal de confianza e reparto de responsabilidades entre os membros do novo goberno. Un goberno que previsiblemente estará formado por tan só 8 concelleiros (7 do PSOE e un de AER). Dende a Agrupación de Electores entenden que “a renuncia de María Castro e a negativa, polo de agora, do BNG a entrar a gobernar non favorecen a conformación dun goberno forte que sería o máis acaído para o cuarto municipio da provincia”.

A Agrupación de Electores de Redondela manifesta a súa preocupación pola deriva que está a tomar a formación deste novo goberno de coalición. Tras as eleccións, tanto PSdG como BNG declararon, cada un pola súa banda, que apostaban por un goberno forte de esquerdas para Redondela. AER adoptou ese discurso e mesmo levantou o seu veto a Rivas para que ese goberno alternativo ao PP fose posible. Para acadar ese obxectivo de goberno forte afirman que aportarán todo o que ten “o seu único concelleiro traballará coa máxima responsabilidade e coa máxima dedicación posible”.

Critican tamén a “incapacidade de Digna Rivas para impedir a renuncia de María Castro” algo que cualifican de “tremendamente preocupante” porque supón “perder a unha concelleira de valía contrastada e, ao mesmo tempo, desperdiciar toda a bagaxe que acadara nestes catro anos en áreas tan sensibles para o Concello como son Urbanismo e Facenda”. Critican ademias a solución que propón Rivas “compatibilizar o cargo de Alcaldesa coa concellería de Urbanismo parece máis unha fuxida cara adiante que unha solución eficaz”. Neste sentido lembran que Rivas será tamén  deputada provincial e que Urbanismo require dunha atención directa á veciñanza que semella incompatible coa responsabilidade que supón o cargo de Alcaldesa dun Concello das características de Redondela.

Por outra banda, a Agrupación critica a decisión do BNG de non entrar no goberno “o que tampouco axuda á conformación dun goberno forte, como a propia forza nacionalista leva pedindo dende que se celebraran as eleccións”. Trátase dunha decisión “respectable pero politicamente difícil de entender: pide un goberno forte, pero exclúese”. Neste sentido sinalan que o BNG non se ten dirixido a AER dende que finalizaron as eleccións. Dende o principio, é o PSOE quen está a negociar con cada unha das forzas da investidura por separado. E critican que “a maior preocupación dos nacionalistas é que a Alcaldesa lles proporcione un cargo de confianza, non sabemos moi ben para que, especialmente se ao final o BNG vai ser un grupo na oposición, o mesmo que o PP”.

Con todo o anterior, o goberno de Redondela vai iniciar este mandato con so oito persoas concelleiras, o cal non parece o máis acaído para o cuarto municipio da provincia. Para maior gravidade, a maioría desas oito persoas non teñen experiencia de goberno. “Quen si ten experiencia de goberno é Roberto Villar o concelleiro de AER, que asumiría a concellería de Vías e Obras e Sostibilidade, un concelleiro que asume con total responsabilidade as competencias que me sexan asignadas e que traballarei coa máxima lealdade para conformar un goberno, un so goberno, forte e cohesionado. Por min non vai quedar, vou dar todo o que teño, como xa fixen no anterior mandato, ata que me quitaron as competencias, claro”, comenta Villar.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará