Hoxe é Martes 19 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Paulo Jablonski presenta o libro dedicado a Saxamonde “a terra dos ríos”

jablonski

“Saxamonde pode ser a terra dos ríos” así arranca o libro escrito por Paulo Jablonski no que se fai un percorrido pola historia, a natureza e o patrimonio deste territorio. Un libro enmarcado dentro da colección editada polo Concello de Redondela –todos eles con portada de Ángel Barros- sobre as parroquias do municipio. Presentarase esta tarde na Escola Vella de Saxamonde nun acto aberto no que se proxectarán imaxes e fotografías, falarase de como foi o proceso de elaboración do texto e entregarase un exemplar a cada un dos asistentes.

Paulo Jablonski explica que o libro se presenta como un roteiro que permite ir percorrendo a parroquia e coñecendo diferentes aspectos históricos, culturais, sociais e patrimoniais parándose tamén nas historias relacionadas co “Saxamonde máis señorial”.

Salienta tamén o autor outros feitos practicamente descoñecidos e que están recollidos neste texto como a existencia dunha fortaleza derrubada polos Irmandiños “cuxa situación exacta non se coñece pero que estaría posiblemente ubicada ao carón dunhas leiras coñecidas como a Picota”.

Outras das curiosidades que recolle no libro é o feito de que Saxamonde foi concello independente e que, cando pasou a ser parroquia tamén tentou conformarse novamente como concello propio no ano 1843 xunto coas parroquias de Quintela, Negros, Nespereira e Cepeda en Pazos de Borbén.

Para se documentar falou cos propios veciños e veciñas da parroquia “unha fonte oral que é fundamental”, procurou nos arquivos tanto municipal, provincial como o Catastro da Enseada e bebeu doutras publicacións previas de diferentes autoría.

O texto quere ser un convite para pasear, deterse e coñecer unha parroquia quizais das menos coñecidas do Concello “nin tan sequera existe un cartel que lle diga ao visitante que está en Saxamonde” reivindica Jablonski.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará