Hoxe é Venres 11 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Juan Manuel Alfaya Ocampo amosa no Multiúsos unha colección de 200 xoguetes antigos

xogar a educar

A mostra, que leva por nome “Xogar a educar”, poderá visitarse a partir deste venres 17 de marzo e inclúe visitas guiadas que permitirán coñecer os segredos que garda cada un destes xoguetes, todos eles anteriores aos anos 70. Unha selección variada na que atoparemos xoguetes que Alfaya foi reunindo ao longo de máis de dúas décadas con visitas a mercadiños e procuras en Internet.

Juan Manuel Alfaya Ocampo foi recompilando ao longo de varias décadas xoguetes antigos que garda con mimo na súa vivenda. Unhas pezas que precisan de coidados “sobre todo os de lata, que nun clima como o noso tenden a deteriorarse coa humidade”. Conta cunha colección de seiscentos xoguetes e, de entre todos eles, fixo unha selección de 200 pezas todas elas anteriores aos anos setenta, que son as que se van mostrar nesta exposición que permanecerá dende o 17 de marzo ata o 17 de abril.

Unha exposición “interactiva” porque os xoguetes “están para ser xogados, para ser manipulados, non para estar nunha vitrina” explica Alfaya Ocampo. Así, os que se acheguen a esta exposición poderán gozar co movemento dos barcos “pop pop” impulsados a través dun circuíto de auga quentado cunha mecha ou vela, tiovivos, bailarinas, avión, teatriños antigos e incluso unha reprodución dun cadro de Breughel o Vello titulado “Xogo de nenos” do ano 1560, no que se poden buscar e apreciar a coincidencia entre os xogos actuais e os que xa existían cinco séculos atrás. Tamén haberá un espazo con perspectiva de xénero “que servirá para salientar como o machismo tamén está presente nos xoguetes”.

Juan Manuel foi adquirindo estes xogos primeiro en mercadiños e xa en época máis recente a través de Internet “onde se pode atopar de todo”. Enriquece cada unha das pezas achegándonos a súa historia “intento saber como foi a súa vida, a quen pertenceu, cal foi o periplo que viviu antes de chegar ás miñas mans” e nas visitas guiadas, que se van desenvolver durante todo este mes, irá contando eses segredos aos asistentes.

Por experiencia das mostras anteriores a xente que se achega ten un especial interese polo xoguete. En canto aos nenos e nenas “malia que nun primeiro momento amosan unha certa indiferencia porque están acostumados a xoguetes máis sofisticados e modernos, en canto ven como son manipulados, como se desprazan ou os movementos que fan si quedan atrapados coa exposición”.

A inauguración será este venres ás 18:00 horas e xa nesa tarde farase a primeira visita guiada.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará