Hoxe é Venres 11 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Ángel Barros doa 150 cadros para o futuro museo que se ubicará na Casas dos Mestres

angel barro

O Concello confirma que a rehabilitación do inmoble, situado na Avenida Mendiño, comezará nas vindeiras semanas. A primeira actuación a realizar será a rehabilitación integral da edificación para crear un espazo polivalente na planta baixa, na que quedarán instaladas as salas de exposición –tanto permanentes coma temporais–, sala de interpretación e un espazo que se empregará como taller para a realización de actividades creativas.

O espazo museístico levará o nome de Angel Barros, artista redondelán que ven de formalizar coa alcaldesa Digna Rivas e ante notario a doazón de parte da súa obra co obxecto de que sexa exposto no futuro museo que albergará obras de diferentes disciplinas e formatos, todos eles enfocados á historia de Redondela. A doazón, valorada en máis de 300.000 euros, está composta por 150 cadros que quedarán exposto ao público en cando o museo estea completamente operativo.

Digna Rivas indicou que Redondela está comprometida coa obra de Ángel Barros, como consta na declaración aprobada o pasado ano polo Pleno municipal e adiantou que se está a traballar “no proxecto museístico que se ubicará nas coñecidas como antigas Casas dos Mestres”. Neste sentido apuntou que xa se fixo a documentación para formalizar a entrega da obra de Ángel Barros ao pobo de Redondela. Fíxose un inventario detallado do tipo de técnica, tamaño da obra, descripción e título de cada cadro cumprindo co compromiso da moción proposta no pleno do ano pasado por distintos colectivos do municipio.

O proxecto museístico non será un simple espazo pictórico, senón que está previsto que albergue máis disciplinas e formatos enfocados á historia de Redondela, a memoria e a vida dun pobo. “Queremos render un homenaxe a Redondela a través de Ángel Barros, unha figura importantísima para o municipio. Viviu unha represión e dureza durante o franquismo que soubo canalizar a través da arte. Atopou unha fonte de liberdade e un destino para a súa vida, sendo un gran exemplo para a xente nova”, engade Rivas.

A rexedora local lembrou que Ángel Barros “está sempre disposto e de maneira altruísta a colaborar coas iniciativas promovidas pola institución”. De feito, as portadas dos libros dedicados ás parroquias, promovidos dende o Servizo de Normalización Lingüística, son tamén obras súas.

Explicou tamén que coa actuación no inmoble da Avenida Mediño “dáse resposta a unha reclamación histórica como era a da cesión do edificio da casa dos mestres, desafectado dende o ano 2006 e, dende entón pertencía ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas”. Con todos os trámites previos realizados, –cesión da edificación ao Concello, memoria explicativa dos fins aos que se vai dedicar o inmoble e o cambio de uso da parcela– o Concello comezará a recuperación do edificio “para a creación dun museo etnográfico que recolla a cultura popular de Redondela e evitar que se perda no tempo”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará