Hoxe é Domingo 19 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A piques de rematar as obras da Rúa Picota

obra picota1

A actuación, que conta cun orzamentos de 850.000 euros dos que a Deputación achega 636.940 € e o Concello 212.313€, está previsto que estea rematada no prazo dun mes. Unha obra que suporá “unha trasformación radical deste espazo na zona da Picota ao integrar no seu trazado as prazas de Fonte do Mouro e da Capela de Santa Mariña, co fin de crear unha zona continua, segura, accesible e onde o tránsito peonil vai ser protagonista.

A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo en valor “o cambio transcendental” que está a experimentar esta contorna e o municipio de Redondela durante a visita realizada a estas obras, financiadas ao abeiro do Plan ReacPon, xunto á alcaldesa Digna Rivas. Con estes traballos, Redondela recupera un espazo que pronto se converterá nun punto de convivencia para as persoas.

Malia que esta é unha das rúas máis importantes da vila pola que amais transcorre o Camiño de Santiago, “era unha zona que realmente estaba en moi malas condicións –lembrou a presidenta provincial” criticando que durante os gobernos do PP non se fixo nada en todo este espazo. Agora, co plan extraordinario ReacPon “estamos a impulsar un cambio transcendental cunha obra de enorme calidade urbana e cun aspecto respectuoso ca contorna, de xeito que a zona vai converterse nun núcleo moi fermoso desta vila, tal e como se merece a veciñanza”.

Pola súa banda a alcaldesa, Digna Rivas, quixo poñer en valor que “a transformación que está a ter este concello non é só pola nosa aposta, senón porque grazas á Deputación podemos facela; a realidade é esa e quen queira ocultala, non pode”. Lembrou que a zona obxecto da actuación “levaba máis de 20 anos abandonada” a pesar do paso do Camiño de Santiago, “tanto o da costa como o portugués, que converten a Redondela nun referente en turismo”

Coa actuación do Plan ReacPon na Picota dáse protagonismo ao tránsito peonil, aplicando en toda a vía unha plataforma única para garantir a seguridade e a accesibilidade. Igualmente, búscase mellorar o aspecto visual e funcional da rúa (desde o cruce coa rúa Fumeiros ata a N-550), integrando as dúas prazas de Fonte do Mouro e da Capela de Santa Mariña no seu trazado. Deste xeito revalorízase ambos espazos, ao crearse zonas de estancia nas dúas prazas. Tamén se mellorarán os accesos ás vivendas, bares e aparcadoiros e axardinaranse diferentes espazos da rúa.

A obra dota a rúa dunha nova identidade relacionada co adoquinado existente na vila e tamén con novos pavimentos empregados nas prazas. Entre os materiais que se están a empregar destacan o aceiro galvanizado gris para escaleiras, límites entre pavimentos e varandas, o formigón para beirarrúas e chanzos, a lastra para franxas de beirarrúas e pavimento base na área rodada.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará