Hoxe é Xoves 28 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Unión política e social en repulsa polo asasinato de Baiona e contra o terrorismo machista

mani

Representantes políticos de todas as formacións con presenza na corporación municipal, representación das ANPAs e da Federación de Anpas, a Asemblea Feminista Paxaretas e representantes da sociedade civil xunto a veciños e veciñas de Redondela, concentráronse na tarde noite de hoxe diante do concello  para amosar a indignación ante o novo asasinato machista ocorrido este domingo en Baiona.

Arrancaba o acto a Concelleira da Muller, Iria Vilaboa lembrando que unha vez máis é preciso sair a rúa para lembrar que outra muller é asasinada pola súa exparella, “para lembrar que Beatriz Lijó foi asasinada cun machete diante dos seus fillos pola súa exparella Angel Rodríguez” converténdose na novena vítima da violencia machista no que vai de ano. “Rabia, impotencia, dor é o que todos sentimos”.

Dende as Anpas trasladábase o compromiso da comunidade educativa para erradicar a violencia machista e traballar conxuntamente para que “ningunha muller máis sexa asasinada nin golpeada e poida vivir libremente e sen medos”. Enviaban tamén unha mensaxe de apoio ao profesorado do IES Pedro Floriani, lugar no que era profesor Angel Rodríguez da Costa, exparella e autor da morte de Beatriz Lijó.

Unha das integrantes da Asamblea Feminista Paxaretas lembraba que “volvemos saír a rúa para berrar unha vez máis ‘basta xa’ ante o terrorismo machista”. Un terrorismo froito “dunha sociedade patriarcal que non fai outra cousa que someter as mulleres”. Neste sentido lembraba que “o machismo non é un problema de saúde mental, o asasino de Beatriz é un home completamente normal, integrado na sociedade, profesor dos nosos fillos e fillas, os feminicidas son fillos sans do patriarcado”

“O machismo é un problema social e público, que nos afecta a todos e a todas e o noso deber é non mirar para outro lado”, insistindo en que a prevención é a clave, unha prevención diaria e transversal que non se pode reducir a unha data ou un día concreto e na que teñen que implicarse as familias, os educadores e tamén as administracións e gobernos “para que se comprometan a combatir a violencia machista, poñendo o foco no agresor e non na vítima”.

Remataba as intervencións, antes de abrir o micro á veciñanza, a alcaldesa Digna Rivas afirmando que “nos están asasinando e nisto non podemos estar con medias tintas, quen nega a violencia machista é complice da violencia machista”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará