Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Novo acordo para poñer en valor a contorna dos muíños de Daión en Soutomaior

daión

A proposta, presentada polo BNG da localidade saíu adiante malia a abstención do PP ao contar cos votos a favor dos nacionalistas. Unha moción que busca realizar as actuacións necesarias para poñer en valor o conxunto etnográfico dos muíños de Daión e a súa contorna, a través de diferentes actuacións que afonden na súa restauración.

A formación nacionalista presentou unha moción no concello na que propoñen a rehabilitación e recuperación do conxunto histórico-etnográfico da contorna dos muíños de Daión, situados no último afluente do Verdugo antes da súa desembocadura. En pouco máis de 400 metros, o conxunto etnográfico do Daión conta con oito muíños de moa tradicionais que na actualidade atópanse en ruínas. Non é a primeira vez que o grupo municipal leva este tema ao pleno. Ao longo dos anos o BNG presentou varias iniciativas, as últimas en 2019 e 2021, para que se levaran a cabo esas tarefas de mantemento.

Precisamente Manu Lourenzo explicou que, a pesar de que aquelas iniciativas de 2019 e 2021 foran aprobadas, o feito de que o PP non executase ningunha actuación obrigou o BNG de Soutomaior a volver a levar o tema ao pleno. “Non se pode entender que un tema que foi tratado tantas veces no pleno e saíu aprobado en varias ocasións siga no mesmo punto que a primeira vez”, criticou o portavoz municipal, que lamentou o “estado de desleixo absolutamente lamentable” no que se atopa a contorna dos muíños.

Neste sentido, Lourenzo asegurou que a abstención do PP nesta iniciativa impulsada polo BNG de Soutomaior serve a Agustín Reguera “para non denegala pero seguir sen facer nada”. O portavoz municipal afirmou que a escusa posta polo alcalde de que non se pode comprometer a restaurar a contorna de Daión porque “hai eleccións o ano que vén” só pode ser considerada como “un auténtico insulto á veciñanza”.

Na súa intervención, Manu Lourenzo reivindicou a importancia patrimonial, paisaxística e turística da contorna dos muíños. “A recuperación do conxunto etnográfico de Daión é unha demanda histórica da veciñanza. É un espazo fundamental, non só para o barrio da Devesa, senón que para todo o concello de Soutomaior”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará