Hoxe é Mércores 8 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O tráfico pesado en tránsito queda fóra do casco urbano

Praza de Ponteareas01

O Concello de Redondela dá prioridade aos peóns sobre os vehículos e rexeita as críticas do PP sobre “a falta de planificación” nas obras da Praza de Ponteareas.

En todas as obras que está a realizar o Concello de Redondela, incluídas as da Praza de Ponteareas, regúlase a carga e descarga de mercancías nas vías urbanas. Explica a alcaldesa, Digna Rivas, que actualmente teñen en estudo a Ordenanza que será presentada aos grupos da oposición “dentro da liña de transparencia e procura de accións consensuadas que promove o goberno local”. Afirma que as obras da Praza de Ponteareas están orientadas a “crear un espazo de convivencia e gozo para a cidadanía na que os peóns teñan prioridade sobre os vehículos”. Nesa liña, o Concello de Redondela segue as pautas marcadas pola Unión Europea no proxecto Ciudades 2030 “de facer urbes máis amables coas persoas”. Rivas recoñece que as obras “xeran lóxicos inconvenientes”, pero insiste en que teñen como contrapartida “unha mobilidade máis sostible que mellora de calidade de vida e a activación social, cultural e económica de toda a contorna”. Engade que coa transformación da principal vía de entrada a Redondela “increméntase a seguridade dos peóns e dos milleiros de peregrinos que cada  ano pasan polo municipio cara Santiago”.

A alcaldesa quixo tamén saír ao paso das críticas do PP pola “falta de planificación” no que ao tráfico rodado atinxe polas obras da Praza de Ponteareas. “Todas as obras provocan inconvenientes” afirma a alcaldesa, quen engade que  “falar de desorganización e mesmo de caos no tráfico, é poñer en dúbida o traballo realizado pola Policía Local e polos técnicos do Concello”, labor que Rivas non dubidou de cualificar de “exemplar”. A rexedora local quixo tamén agradecer  “a paciencia e comprensión” que ten a veciñanza da contorna “que son conscientes que unha vez rematadas as obras disporán de novos espazos de ocio e esparexemento”. Está previsto que os traballos na Praza de Ponteareas estean rematadas no vindeiro mes de setembro. 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará