Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Agrávase o conflito entre goberno municipal e Policía Local de Redondela

poli

A alcaldesa Digna Rivas insiste en que “o que hai detrás deste conflito é unha suba salarial”. Unhas palabras que rexeitan dende a Policía quen cualifican esas declaracións de “irresponsables e falsas” e amezan con “posibles accións administrativas e xudiciais” se non pide desculpas por insinuar “que as baixas que hai no noso colectivo son motivadas por un conflito laboral”.

A alcaldesa decidía nas últimas horas saír publicamente para denunciar a negativa da policía local a realizar horas extras para reforzar o servizo “ante unhas baixas que se producen de xeito repentino e media hora antes de comezar as súas respectivas quendas”. Unha situación que provocaba que o servizo quedara sen axentes durante algunhas quendas dos últimos días.

Rivas entende que detrás de toda esta situación atoparíase un conflito laboral por demandar os axentes un plus de produtividade que ascendería a 4 euros/hora por nocturnidade e a 3,5 euros/hora por sábados, domingos e festivos. Un plus “moi superior ao pactado cos sindicatos de 3€horas e 2€h respectivamente”.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

Asegura Rivas que “seguirei loitando para lograr un acordo en beneficio da cidadanía pero non me vou dobregar ante ningún tipo de chantaxe”. Engadía que non se vai saltar o acordo que se adoptou na mesa de negociación e que se aplica a todos os traballadores do concello. Insiste en que nestes dous anos de goberno melloráronse as condicións da Policía tanto en recursos humanos como materiais .

Unhas declaracións que o colectivo da Policía Local asegura son “indecentes, irresponsables e falsas”. A través dun comunicado critican que se lles acuse de non quere facer horas extras “cando se trata de horas voluntarias e que non poden ser a solución á falta de persoal que existe no servizo da policía”.

Afirman que a “única culpable da situación é a alcaldesa e a súa incapacidade por solucionar os problemas que afectan ao servizo” e anuncian que non descartan posibles accións administrativas e xudiciais no caso de que non retire a insinuación de que “as baixas que hai no noso colectivo son motivadas por un conflito laboral”.

En canto a cuestión económica aseguran que foi a propia alcaldesa quen se comprometeu “co noso colectivo a unhas contías económicas que agora di excesivas” e lembran que os axentes da Policía “fan máis horas que calquera outro traballador do Concello, traballando noites, fin de semana, festivos sen cobrar por elo”. Aseguran que “a Policía Local  cobra o mesmo que persoal dun grupo de inferior categoría que traballa menos horas ca nos, en horario de maña, coas súas fins de semana e os seus festivos libres”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará