Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O ocio nocturno pode abrir en Redondela pero os clientes deberán presentar test negativo

OcioNocturno

Os municipios como Redondela que na noite do venres entren en nivel medio de restricións non teñen a obriga de pechar o ocio nocturno. Pubs e discotecas poderán abrir, pero para entrar nos locais os clientes deberán presentar unha proba diagnóstica negativa ou certificado de vacinación. Ademais deberán pechar polas noites as zonas onde se practica botellón, como parques o praias.

Os efectos prácticos desta medida anunciada polo conselleiro Julio García Comesaña, é que Redondela (xunto con Salceda, Pontevedra, Ourense, Culleredo, Ribadavia, Barbadás, Caldas de Reis, Poio e Marín) poderá manter aberto o ocio nocturno. Os cinco municipios en nivel alto (Sarria, Cambados, A Illa de Arousa, Vilanova e Vilagarcía) seguirán sen poder abrilo. Con todo, no sector non teñen claro a rendibilidade de abrir a posta dos seus establecementos nestas condicións. Cristian Domínguez, dos locais Diva e Mambo, sinala que o requisito da PCR “é mellor que ter que pechar”, pero entende que só será viable para grandes cidades “onde hai moita poboación é o volume de xente que acceda a facer esas probas será suficiente para que os negocios teñan clientela”. No caso de Redondela e outras vilas como Salceda “non vai pagar a pena abrir porque será moi pouca a xente que cumpra os requisitos”.

Cristian Domínguez entende que a medida é “mellor que pechar” pero non a considera viable en Redondela

Por iso Cristian xa advirte que non abrirán os seus negocios esta fin de semana. A pasada semana, cando Redondela aínda estaba en nivel baixo, tampouco abriron “por responsabilidade e porque coas restricións de aforo non compensa”. Sinala que despois de case un ano cos locais pechados “pódese esperar dúas ou tres semanas máis, para ver como evoluciona a situación e evitar riscos.”

Locais como Diva e Mambo permanecerán pechados ata que a situación mellore

Desde Sanidade evitan criminalizar aos locais e ocio nocturno polo aumento de casos, e consideran que “o maior problema polo risco de contaxios reside en prácticas como o botellón ou aglomeracións sen control”.

Precintar os espazos de botellón

Desde o sábado, as praias, prazas e parques onde se producen estas concentracións nocturnas da mocidade para beber deberán quedar precintados entre as doce da noite e as seis da mañá. Do precinto e control destes espazos deberán ocuparse os correspondentes concellos. Os propietarios de locais entenden que esta medida é positiva, pero dubidan da súa eficacia “xa que require dun control que será moi difícil de facer efectivo, non pode haber un policía detrás de cada persoa”, sinala Cristian.

No sector aplauden que se precinten zonas de botellón, pero dubidan que poida haber un control total

O sector confía en que nas próximas semanas a situación mellore, e que co avance no proceso de vacinación se rebaixe o número de casos para poder reabrir os locais con máis garantías “aínda que non sexa igual que hai dous anos”, recoñece.

O resto de locais de hostalaría terán tamén restricións no aforo, co 30 % de ocupación no interior e o 50% nas terrazas. O nivel medio supón tamén a prohibición de festas e verbenas. Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado, 10 de xullo.

Redondela sobe a 192 casos de incidencia acumulada

Con 56 novos contaxios nos últimos 14 días Redondela suma 192 casos de incidencia acumulada por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará