Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

AER esixe a Rivas que “depure responsabilidades” pola falta de persoal na policía

PoliciaLocal

A falta de persoal na Policía Local de Redondela, que deixou sen ningún axente o municipio o pasado sábado, abre un novo conflito entre AER e PSOE. A Agrupación de Electores, socios de goberno do PSOE no Concello de Redondela, sinala que mala xestión no corpo da policía é un serio problema. Advirten que se trata dun servizo público “prioritario” para a veciñanza, como é a seguridade. O tráxico accidente acontecido na estrada de Cesantes o pasado sábado, 26 de xuño, no que faleceu un motorista “sacou á luz esta grave situación”, advirten desde AER. O seu portavoz, Xosé Carlos Orge, sinala que o feito de que nese momento non houbese ningún axente de servizo na Policía Local de Redondela “é alarmante”. Trátase dunha situación que desde a Agrupación de Electores “non se pode asumir nin aceptar”.

Xosé Carlos Orge “Cuni”, voceiro de AER

Orge sinala que a súa agrupación pode entender “un erro ou unha mala reacción ante unha situación inesperada”, pero advirte que este “non é o caso”. Afirman que se trata dun calendario “pensado” no que os responsables municipais “asumiron e aceptaron que por falta de persoal, en determinados momentos, non vai haber ningunha persoa de servizo no noso municipio”. A situación actual da Policía Local, integrada por 28 axentes, supón que tendo en conta vacacións, permisos, baixas e outras ausencias “non hai recursos suficientes para cubrir as 24 horas do día os sete días da semana”. Desde AER lamentan que os responsables políticos considerasen que este ano “non era necesario contratar auxiliares de policía para reforzar o cadro de persoal, nin tampouco buscaron outras alternativas como subscribir convenios coa Academia Galega de Seguridade”. Por iso esixen á alcaldesa, Digna Rivas, “que depure responsabilidades ao máximo nivel, xa que se trata dun problema de xestión política e dun comportamento neglixente”. Orge afirma que Rivas “debe corrixir esta situación e garantir que non se volva repetir”.

AER esixe a Rivas que depure responsabilidades ao máis alto nivel

Cando se cumpren dous anos do pacto entre PSOE e AER, Orge recoñece que este novo desencontro “non axuda” a estabilizar o goberno. En decembro do ano pasado a Agrupación anunciara que, chegados ao ecuador do mandato, analizarían a posibilidade de continuar ou non no goberno local. Advirte que as diferencias entre os socios de goberno “non melloraron”, pero asegura que “non hai ningunha decisión tomada”. Insiste en que agora o prioritario é “arranxar o problema que existe na Policía Local” e sinala que esta nova crise pode ser “unha oportunidade”. En función de como se resolva “pode servir para reforzar o goberno e mellorar o servizo aos cidadáns, que é o importante”, explica.

Orge entende que en función de como se resolva este problema o goberno pode saír reforzado
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará