Hoxe é Martes 23 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Malestar pola demora na publicación das listaxes dos campamentos de verán

campamento521

Os campamentos comezaron esta mañá, na imaxe o IES Mendiño

Esta mañá comezaron os campamentos de conciliación organizados polo Concello de Redondela para os meses de xullo e agosto. A xestión deste programa non estivo exenta de críticas, e nos últimos días ducias de familias manifestaron as súas queixas pola demora na publicación das listaxes. A relación de admitidos para a primeira quincena de xullo publicouse na páxina de Facebook do Concello na noite do martes, día 29, cun só día de marxe antes do inicio das actividades. Desde o Concello lamentan o atraso na publicación, e informan que a próxima semana publicarase a listaxe de admitidos do resto de quendas, tanto a segunda quincena de xullo como os dous grupos de agosto.

Nos campamentos de conciliación, de carácter gratuíto, ofertáronse un total de 240 prazas para nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade. Foron máis de 300 as solicitudes recibidas no Concello, polo que seguindo o criterio das bases deuse preferencia ás familias nas que ambos proxenitores traballan. Nos grupos onde estes casos superaban as prazas dispoñibles fíxose un baremo por renda, tendo prioridade as familias con menos ingresos.

O programa de conciliación, que comezou hoxe, desenvolverase os meses de xullo e agosto tanto en Redondela como nas parroquias de Cabeiro, Cedeira, Cesantes, Chapela, Quintela e Reboreda. A actividade ten un custo para as arcas municipais próximo aos 100.000 euros.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará