Hoxe é Xoves 28 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O IES Pedro Floriani ampliarase e o Illa de San Simón contará con pista de atletismo

FotoIESIllaSS

A alcaldesa, Digna Rivas, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, reuníronse a pasada semana para tratar varias demandas de Redondela relacionadas co ámbito educativo. Acompañadas polo xefe territorial da Consellería de Educación, César Pérez Ares, e o concelleiro de Deportes, Nacho González, concretaron melloras para varios centros de ensino.

Fernández-Tapias confirmou a próxima licitación das obras de ampliación do IES Pedro Floriani que sumará catro novas aulas, dando resposta á demanda existente. Por outra banda, a representante autonómica confirmou a autorización da Xunta ao proxecto do Concello para instalar unha pista de atletismo no IES Illa de San Simón. A instalación está pendente unicamente da firma dun convenio co departamento autonómico para permitir o uso das instalacións. As obras para a pista de atletismo, que ascenden a máis de 100.000 euros, serán asumidas polo Concello de Redondela e poderían estar rematadas antes de fin de ano.

En canto ao IES de Chapela, a maior preocupación é reducir o impacto do ruído da AP-9 nas aulas coa instalación de pantallas acústicas. A alcaldesa lembrou que existe o compromiso do Ministerio de Transportes para levar a cabo estas obras “tanto no que fai referencia ás pantallas acústicas como a reposición de viais afectados pola ampliación da autoestrada”.

En canto aos colexios de Educación Infantil e Primaria, no CEIP Outeiro de Penas vanse poñer novas fiestras. Está previsto que os traballos se fagan en outubro para dar resposta a esta vella demanda nun centro que ten case 50 anos de historia. Para o CEP de Reboreda a Consellería fará unha achega de 40.000 euros para reformas “a criterio do centro”, e no CEIP Alexandre Bóveda “valorarase intervir nos falsos teitos e as luminarias”.

Xa por último, sobre o arranxo da pista cuberta do CEIP de Cedeira, a delegada informou que está actuación queda pendente de que o Concello clarifique a situación urbanística do centro “co obxectivo de garantir que o volume de edificabilidade se axusta a normativa e comprobar con Patrimonio que non estea afectado pola súa proximidade á igrexa”. A alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu a boa disposición da Xunta á espera de que os anuncios de Fernández-Tapias “se fagan realidade á maior brevidade posible”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará