A solidariedade vai “sobre rodas” no colexio de Laredo. O centro acaba de poñer en marcha o proxecto “Matrículas Solidarias”, unha iniciativa coa que pretenden concienciar na solidariedade a través de pequenos xestos de educación cívica e vial. Matriculando “simbolicamente” unha bicicleta, os participantes contribúen con 2 euros a unha interesante causa solidaria: “A Maxia do Kilimanjaro”. Trátase dun proxecto que se realiza en África por parte da entidade Arusha Bike Center, onde traballan para que as nenas teñan bicis para ir á escola en Olasiti (Kilimanjaro). O director do CEIP Laredo, Abraham Domínguez, explica que a iniciativa xurdiu a través dunha proposta das familias.
Aqueles que participen recibirán pola súa doazón unha matrícula para lucir na bicicleta “dando exemplo de compromiso solidario e educación viaria”. Deste xeito tan sinxelo “axudan ao mantemento das bicis que as nenas empregan para ir á escola”, explica Domínguez. Tamén é un xeito de concienciar aos rapaces do centro “do privilexiados que somos no primeiro mundo”.
Estas bicicletas non só facilitan a asistencia á escola aos rapaces dos poboados, senón que tamén permiten ás nenas facer o traxecto “de xeito máis seguro”. O director do colexio explica que deben percorrer distancias de 10 ou 15 quilómetros por territorios “onde poden ser vítimas de violencia”.
Poden solicitar matrículas tanto os membros da comunicade educativa como familias ou achegados “sexan ou non do centro educativo”. As matrículas poderán recollerse e facer o pago na ANPA do 26 ao 28 maio. A solicitude pode facerse a través da páxina web do centro. O importe íntegro do que se recade irá destinado a esta causa solidaria.
