A pandemia da Covid impediu o ano pasado presentar o libro “Inventario de canastros, cruceiros, portóns, fontes, lavadoiros e muíños de Cesantes”, elaborado polo Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy. O seu presidente, Manuel Nieto, explica que se trata dun longo traballo de recompilación do patrimonio da parroquia, que vén a completar unha publicación anterior realizada pola asociación. Este sábado, 21 de maio, poderán facer o acto de presentación do volume, que se realizará no CEIP Outeiro das Penas, ás 18.00 horas, cumprindo todos os protocolos de prevención. Na presentación participarán mestres do colexio de Cesantes, que no curso 2000/01 comezaron a traballar co alumnado o inventario dos canastros da parroquia. Tamén falará sobre os miliarios romanos o experto José Antonio Orge, e Álvaro Diego Fuentes dará conta da importancia dos muíños no patrimonio da parroquia.
No acto deste sábado, con aforo limitado, todos os socios recibirán como agasallo este libro. Por outra banda farase entrega dos premios do concurso fotográfico do Obradoiro, acto que non puido realizarse o pasado ano por mor das restricións da pandemia da Covid.