Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Chapela e Redondela celebran a Xela Arias

Foto interior Biblioteca Xela Arias

Concertos, programas radiofónicos e un traballo audiovisual homenaxean a figura da poeta, tradutora, editora e mestra á quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Redondela ten unha especial relación co municipio, xa que foi profesora no IES de Chapela, e a biblioteca municipal da parroquia leva o seu nome.

A alameda Rosalía de Castro de Chapela, o sábado 16 de maio, e a alameda Castelao de Redondela, o 17 de maio, son os lugares elixidos para desenvolver os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que este ano se dedica á poeta, tradutora, editora e mestra Xela Arias. As actividades organizadas polo Concello buscan poñer en valor a figura de Xela Arias polo que, ademais dos actos conmemorativos do domingo e luns, desenvolveranse actividades paralelas durante todo o mes dirixidas tanto aos escolares como ao público en xeral.

Así, o domingo 16 de maio, ás 18 horas, a Alameda Rosalía de Castro de Chapela acollerá o acto de presentación da homenaxe a Xela Arias no que se contará coa participación do Coro de Voces Graves de Vigo e a Coral O Piñeiral de Chapela, que interpretarán “Dis ma-ma-má”, do libro de Arias “Darío a diario”. O acto contará coa presenza do fillo da homenaxeada, Dario Gil, e rematará coa interpretación do himno galego.

O luns, 17 de maio, Día das Letras Galegas, será a Alameda Castelao de Redondela a que acolla o acto institucional ás 18:30 horas. De seguido haberá un concerto a cargo do grupo As Efémeras e os actos rematarán coa interpretación do himno galego.

Estes actos súmanse a outros proxectos de homenaxe a Xela Arias, como a programación que Radio Redondela está a emitir a diario desde o pasado mes de abril, un proxecto titulado “Xela a Diario” organizado polas Bibliotecas Municipais e a narradora e dinamizadora cultural Ana Facchini.

Do mesmo xeito, os centros escolares terán a oportunidade de coñecer máis sobre Xela Arias a través dun video, pensado para o alumnado de primaria, coa realización de Fernando Carreira e o guión e interpretación da contadora e actriz Raquel Queizás. A idea do vídeo “Buscando a Xela” parte duns momentos nos que non é posible realizar visitas escolares de carácter presencial ás bibliotecas. Dese xeito tenta suplir esta carencia, propiciando ao tempo un achegamento dinámico dos máis novos, á figura de Xela. https://www.youtube.com/watch?v=tycyYCfCEqc

Xa no ano 2018 Redondela recoñeceu a figura de Xela Arias ao poñer o seu nome á biblioteca municipal de Chapela

.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará