Representantes das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Redondela (SAF) demandan a Sanidade e a Política Social que inmunicen a este colectivo prioritario. Desde o sindicato CIG denuncian que só o 15% do persoal que presta este servizo está vacinado, a pesar de tratarse dun colectivo profesional considerado “prioritario” na estratexia de inmunización. A representación sindical sinala que son 51 as empregadas do SAF redondelán, xestionado pola empresa Sacyr Social. Xa se puxeron en contacto tanto co Concello como cos departamentos autonómicos de Sanidade e Política Social “para axilizar o proceso e minimizar os posibles riscos para a saúde das traballadoras”. A reivindicación do persoal do SAF de Redondela chega despois de que as traballadoras do servizo de Vigo denunciasen a comezos de mes que arredor do 90% estaba sen vacinar. Tras remitirlles escritos ás Consellarías de Sanidade e de Política Social lograron que a Administración as citase o pasado luns para inmunizar a 70, “pero despois suspenderon o proceso e non nos volveron chamar, polo que arredor da metade das máis de 350 empregadas do servizo de Vigo seguen agardando”