Representantes sindicais do Concello de Redondela amosan o seu rexeitamento á constitución dun Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) “que vai provocar que a veciñanza perda a prestación dun servizo propio e fundamental”. CSIF e CIG expresaron o seu malestar coa Alcaldía e a Concellería de Persoal, e afirman que o convenio para un servizo de emerxencias compartido con Mos “atende a intereses de partido”. Os sindicatos lembran que o acordo conta tamén coa oposición dos socios de goberno (AER), ademais de informes emitidos polos técnicos do Concello “que o consideran lesivo para Redondela”. Engaden os representantes sindicais que o acordo suporá “un agravio económico para Redondela, xa que a veciñanza redondelá estaría pagando por un servizo que non ten por que prestar” ao tratarse de competencias que non son municipais. Por outra banda, sinalan que con este convenio o Concello debería asumir servizos de emerxencias municipios de Mos, Pazos de Borbén e Soutomaior “correndo Redondela con todos os gastos de persoal, materiais e instalacións”. Denuncian tamén “a falta de información” sobre a situación na que quedarán os tres traballadores do Servizo Municipal de Emerxencias (SEIS). Critican que tanto Alcaldía, como a Concellería de Persoal “néganse a explicar cal vai ser o seu futuro tras a firma deste convenio”, que ao entender dos sindicatos “vailles afectar directa e negativamente”.
O acordo levarase esta tarde a un Pleno Extraordinario para constituír o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES). A corporación recupera as sesións presenciais, no auditorio da Xunqueira. Será a partir das 20.00 horas, con aofro limieado, e retransmitido en directo polo Facebook do Concello de Redondela.