As mulleres padeceron, durante a guerra e a ditadura franquista, unha dobre represión “xa que á súa ideoloxía engadíase o feito de seren discriminadas por ser mulleres”. Co obxectivo de facer xustiza á memoria das mulleres “silenciadas” o Colectivo Republicano de Redondela celebra o seu 20º aniversario rendéndolles unha homenaxe. Dúas exposicións e un documental repasan as súas vidas “invisibilizadas” pola historia. Marco Santos “Lareira” explica que queren así recoñecer “o papel das mulleres na loita polas liberdades”.
No Multiúsos da Xunqueira pode visitarse a mostra “Rexas, mulleres baixo o terror franquista”, unha exposición que recolle a memoria das vítimas do golpe de Estado de 1936 coas historias de represión sufridas por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista. A esta mostra da Deputación de Pontevedra, o Colectivo Republicano de Redondela engadiulle tamén historias redondelás das “madriñas” de San Simón, da loita das mariscadoras do ano 68, ou as mobilizacións contra o peche da fábrica téxtil de Regojo.
A segunda exposición, obra de Ruth Rodríguez é “A ditadura do patriarcado”. A artista redondelá reflexiona sobre a muller e o feminismo con fotografías, montaxes e composicións que lembran ás “lavandeiras” de San Simón ou a mulleres como Emilia Cabaleiro, represaliada polo franquismo.
Tamén pode visionarse o documental “Matriarcas”, que conta en primeira persoa a experiencia traumática vivida por cinco mulleres vítimas do acoso da ditadura. A xornalista e escritora Montse Fajardo, comisaria da mostra “Rexas”, participará na inauguración organizada polo Colectivo Republicano. Será o sábado, 10 de abril, ás 19.00 horas no Multiúsos da Xunqueira. Tamén participarán Iria Custodio, de Galiza Nova e Ruth Rodríguez, activista e artista.
As exposición e o documental poderán verse ata finais do mes de abril do Multiúsos da Xunqueira.