O grupo musical “As efémeras” nace en Redondela a finais de 2019 froito da unión de Fon Conde, Olga Nogueira, Berto Covelo, Claudia Sánchez, Paqui Crespo, Irene Campelo e a colaboración de Pedro Pérez. Beben da música tradicional galega, e tamén dos ritmos populares europeos e americanos. Todo iso mistúrano con letras de intelixencia “racional e emocional” cun estilo “punk-rock furancheiro”, como eles mesmos denominan o seu son. Herdeiros do movemento asociativo redondelán, os seus temas son reivindicativos e falan “de ecoloxía e feminismo, de cultura e poesía”, todo cun marcado acento redondelán que caracteriza a súa música “quilómetro cero”, como apuntan Fon e Olga.
Hai un ano a pandemia e o obrigado confinamento lanzounos ás redes sociais, onde deron a coñecer a súa música e divertidos vídeos “feitos na casa”. Temas como “Namorare”, cun percorrido de romanticismo enxebre polas parroquias de Redondela, ou “Chora o mar”, incluído no CD do Artelixo, son algúns dos exemplos da súa música. Esta semana sae á venda o seu disco, con 13 cancións. A maioría son temas propios, aínda que tamén inclúen letras de Carvalho Calero, Ana Romaní e Sesé Mateo. Para a gravación do CD contaron tamén con colaboradores de luxo como Tatán, Alberto Vilas, Ariel Ninas e Ugía Pedreira.
Para escoitalos en directo xa teñen preparada a súa xira, se a situación sanitaria o permite, que comezará o 24 de abril na “Arca da Noe” (Vilar de Santos, Ourense); 25 de abril no Courel (“Patio da Tola”, Vieiros); 1 de maio “Centro Cultural As Pedriñas” en Mos; 2 de maio “Albergue Jamarte” (Pontecaldelas). Todos serán en horario de mañá, en sesión vermú para cantar e bailar “cun formato familiar e nalgúns casos con posibilidade de reservar o xantar”. A situación sanitaria por mor da Covid obriga a reducir o aforo, e algúns dos concertos xa están a pechar as reservas. Polo de agora aínda non teñen pechado ningún concerto en Redondela, pero si contan con datas reservadas para o verán na Coruña, Lugo, Portugal ou León, entre outros lugares. No grupo non descartan repetir accións como as do verán pasado “Okupando os palcos”, con ensaios abertos en palcos da música de diferentes parroquias, ou “Furanchos ao vivo” con concertos nos furanchos que tiveron moi boa acollida.
O disco gravouse en Ventosela, grazas ao traballo de produción de José Manuel Díaz, e nuns días poderá mercarse nos puntos de venda habituais. O deseño tamén é redondelán, do colectivo artístico Koebra, de Quintela.