Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O xulgado recoñece aos comuneiros de Vilar a propiedade de terreos no aeroporto

VILAR

Despois de anos de reclamacións e un longo procedemento xudicial, o maxistrado recoñece á Comunidade de Montes de Vilar como propietaria duns terreos no monte Cotiño, actualmente ocupados polo aeroporto de Peinador. Así o determinou o Xulgado de Primeira Instancia 2 de Pontevedra. Trátase dun espazo de máis de 10 hectáreas que pertencen historicamente aos comuneiros, tal como se acredita nos documentos que os afectados achegaron na demanda interposta ante Aena. A empresa pública que xestiona o aeroporto, dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade, opuxérase á demanda dos comuneiros de Vilar. Aena alegou que a construción do aeroporto remóntase 90 anos atrás, e que o proxecto de construción e ampliación do aeródromo contaba coas expropiacións dos terreos que marcaba a lexislación vixente no momento. Un informe pericial determinou que tan só unha pequena parte dese terreo (1,58 hectáreas) fora expropiada de xeito regulamentario e que o resto da superficie afectada (10,23 hectáreas) non está recollida na documentación. Por iso o xuíz estima que ao non existir expedientes sobre a expropiación deses máis de 100.000 metros cadrados a propiedade segue a ser da Comunidade de Montes de Vilar de Infesta. Desde a directiva dos comuneiros son prudentes, xa que “a sentenza non é firme e Aena ten de prazo ata mediados de abril para recorrela”. No caso de que finalmente se acredite esa propiedade, deberá poñerse en marcha un proceso para regularizar a ocupación dos terreos e os comuneiros terán que ser indemnizados.

Diferentes Comunidades de Montes de Redondela, Vigo e Mos levan case 20 anos reclamando as compensacións polos terreos ocupados en Peinador. Hai xa máis dunha década que o xulgado recoñeceu á Comunidade de Montes de Cabral como propietaria de parte da superficie empregada polo aeroporto, logo foron os comuneiros de Guizán e Torroso os que gañaron tamén a batalla xudicial contra Aena. Os comuneiros de Cabral e Guizán xa foron indemnizados logo de chegar a un acordo con Aena. No caso da comunidade de Torroso, que considerou moi baixa a compensación ofrecida pola empresa pública, agardan a que o organismo de expropiación estableza un xustiprezo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará