Os entendidos no oficio de vivir din: a vida, para vivila, hai que mirala cara a adiante, para entendela hai que mirala cara a atrás. Parécenos de moita razón a sentenza.
Sendo así, cremos conveniente que se constrúa o Museo de Historia e Antropoloxía de Redondela, MUDHAR. É necesario que haxa memoria para recordar, o bo e o malo, porque as persoas esquecemos, e é imprescindible amosar os elementos positivos para que sirvan de estímulo e exemplo para os nosos sucesores e seguintes xeracións.
Foi en 1997 cando a Asociación Cultural Alén Nós lle fixo a primeira proposta ao Concello para a creación do Museo Etnográfico de Redondela, co consenso de máis de cincuenta colectivos sociais do municipio; hoxe, seguro que se podería duplicar o número. Pretendiamos que Redondela contase cun lugar onde expoñer e conservar, cando menos, unha parte esencial da nosa memoria identitaria. A Casa da Torre foi a primeira suxestión para a súa sede. Quedou en nada. Anos máis tarde insinuamos a Casa da Fenosa. Tivo idéntico resultado. A terceira sería para as casas de Casto Sampedro e Alejandro Otero. Similar consecuencia. O desleixo e falta de vontade política foron a única explicación.
A principios do 2015 volvemos a insistir e presentamos unha nova proposta. Nesta ocasión a idea tiñámola ampliado e, para a súa exposición, encargámoslle un estudo técnico á empresa de arqueoloxía A Citania. O equipo de traballo estivo formado por persoas da asociación, polo arqueólogo Xurxo Constela, o etnógrafo Clodio González, o historiador José Martínez Crespo, e o antropólogo Rafael Quintía. Durante a súa redacción concibimos e naceu a idea do MUDHAR que, para ser un proxecto para os próximos 50 anos, debería de contar con distintas salas destinadas a diferentes temáticas: ás persoas e o territorio, a ría e o camiño, a prehistoria e historia antiga, a época medieval, a época moderna e contemporánea, a industria, a Coca e o Corpus, os Maios, o Choco, o Entroido, as curtametraxes, os Fachos, os oficios, as tradicións, os títeres… para o que se precisaría a totalidade do edificio elixido para a súa creación, a Casa dos Mestres, situada na avenida de Mendiño.
En abril daquel 2015, nun acto no Multiúsos da Xunqueira foille presentado ao goberno municipal e a todos os grupos políticos do Concello coa presenza de máis de duascentas persoas, recibindo a aceptación e os parabéns de todos. Tamén con algunha crítica: este non é o momento, hai outras necesidades, co paro que hai!… Os de sempre.
Non se decatan de que, para que o turismo sexa unha fonte máis de recursos económicos, tamén temos que ofrecer e mostrar a nosa Historia. Unha mostra exitosa do que dicimos?: O Meirande. Máis de mil visitas ao mes. O segundo máis visitado da provincia, despois do Museo de Pontevedra.
Estes días (febreiro de 2021) lemos na prensa que o goberno local quere pórlle mans á obra e facer realidade unha reivindicación de máis de 20 anos do asociacionismo redondelán. Celebrarémolo! Hai unha parte da mesma información que nos preocupa: o traslado e instalación da Biblioteca Municipal (32.000 volumes, polo de agora) ao mesmo edificio. Considerámolo un desatino. A biblioteca do futuro debe de contar cunha serie de servizos tales como: recepción, salón de actos para a presentación de libros e outras necesidades, cafetería, depósito de fondos e documentos, salas de lectura infantil, salas de estudo e lectura de adultos, salas de informática, hemeroteca… Serían incompatibles, por falta de espazo, os dous servizos na mesma casa, Museo e Biblioteca. Outra cousa sería unha librería específica de Redondela relacionada co museo.
Segundo o dicionario da Real Academia Galega, MUDAR é facer que algo sexa distinto de como era, transformar algo, especialmente un criterio, unha actitude, un sentimento…
Andrés Couñago Laxe. Directivo da Asociación Cultural Alén Nós.