Hoxe é Sábado 27 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O BNG demanda un maior control da Xunta na actividade de Aucosa

AlexandraAucosa

A deputada do BNG Alexandra Fernández e os concelleiros do BNG de Redondela mantiveron esta mañá unha xuntanza cos veciños afectados pola actividade da planta de Aucosa, en Cabanas. Os residentes da zona levan décadas denunciando a contaminación e os malos cheiros que xera a factoría, onde se producen fariñas de peixe a partir dos residuos da industria conserveira. Fernández denuncia que se trata dunha situación “insoportable” non só para os veciños da planta, senón tamén para residentes noutros puntos de Redondela e mesmo de Vigo “a onde chegan os cheiros pestilentes en función de como sopre o vento”. Desde o BNG amosaron o seu apoio aos veciños xa que a actividade de Aucosa nesta zona “é incompatible co uso residencial”. Fernández presentará varias iniciativas no Parlamento Galego para demandar á Xunta que revise a avaliación ambiental integrada desta fábrica.

Alexandra Fernández, deputada do BNG no Parlamento Galego

A deputada nacionalista entende que a factoría debe seguir traballando xa que é preciso xestionar os residuos das conserveiras “pero non neste emprazamento”, polo que urxen o seu traslado a unha zona industrial axeitada. Denuncia que desde a Xunta de Galicia non se están a facer os controis necesarios na fábrica en canto aos verquidos na ría nin tampouco da nova planta de gas instalada no recinto.

Fernández demanda o traslado de Aucosa a unha zona industrial axeitada á súa actividade

Fernández lembra que xa existen sentenzas xudiciais que acreditan que Aucosa “non é unha empresa limpa”, pero desde a administración autonómica permitíuselle seguir coa actividade logo dun recurso da empresa. Xunto cos concelleiros do BNG Xoán Carlos González e Jessica García, Fernández lembrou que non existe “ningunha xustificación” para que Aucosa estea emprazada no litoral. Advirten que esta zona está incluída na Rede Natura 2000 “polo que conta coa máxima protección ambiental” mentres Aucosa segue operando “causando contaminación e tamén problemas de saúde aos residentes da contorna”. Logo de anos de denuncias os veciños lamentan que, lonxe de solucionarse os problemas, a situación agrávase coa acumulación de residuos no exterior da fábrica.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará