A SAR Plastic Omnium rematou a primeira volta da competición con 14 puntos, actualmente ocupa o 10º posto da táboa na Primeira Nacional. Uns resultados máis que positivos para un equipo recén ascendido á categoría. A segunda volta comezou con dúas derrotas: ante o Xiria, líder do grupo, e no último partido ante o Carnes do Ribeiro, no que a SAR comezou gañando pero non puido aguantar o ritmo polas numerosas baixas. O adestrador, Pablo Muíños, é optimista ante o que resta de temporada. Confía en acadar o obxectivo da permanencia e amósase esperanzado con facer unha segunda volta “tan boa ou mellor que a primeira”. Todo un reto para un equipo moi novo e que sufriu importantes baixas polos compromisos laborais dos xogadores. Os protocolos que este ano marca a Federación por mor da pandemia da Covid-19 tamén están a supoñer unha dificultade engadida.
A próxima cita para os de Muíños é o derbi redondelán. O sábado visitan Chapela para medirse ao Rodosa, equipo moi forte que aspira á fase de ascenso. Malia á superioridade dos de Teixeira, a SAR confía en “plantar cara” no González Soto e poder “darlle un susto” aos anfitrións. Advirte que un derbi “é diferente a calquera outro partido” e a experiencia apunta que sempre son partidos “moi igualados”. O adestrador da SAR confía en que nesta ocasión tamén sexa así “e poder chegar con folgos ao final para ter opcións de puntuar”.
O partido xógase o sábado, ás 18.30 horas no pavillón municipal Manuel González Soto. No balonmán feminino de División de Honra Prata tamén se disputará outro derbi, neste caso galego. A SAR Rodavigo recibirá en Redondela ao Meaño.