A Asociación de Veciños de Chapela advirte que este vial, único acceso ao colexio Igrexa e que conecta a Avda. de Redondela co barrio de Parada, presenta un estado “deplorable”. Trátase dun camiño con numerosas curvas e unha forte pendente que actualmente está “cheo de fochancas e co firme en pésimo estado” segundo denuncia o colectivo. Advirten que esta situación “pon en grave perigo non só aos vehículos que diariamente utilizan está vía, senón tamén ao nenos e familiares que se achegan ao colexio diariamente”. Lamentan que o centro se inaugurase o curso pasado “cun vial de acceso nestas condicións”. Lembran que xa reclamaron tanto ao anterior goberno local como ao actual “o arranxo integral” do Camiño da Buraca “polo menos ata o colexio”, sen que ata o de agora obtiveran resposta. Agardan “que non teña que pasar un accidente grave para que os gobernantes o tomen isto en serio”. Sinalan tamén o perigo que existe na confluencia deste vial co Camiño de Leitón, onde se produce un gran cambio de rasante. A visibilidade é nula polo que demandan mellorar a seguridade viaria nesta intersección. Por outra banda solicitan tamén que un terreo de propiedade municipal, situado a uns 100 metros do centro escolar, sexa habilitado como aparcadoiro público “para dar un servizo máis axeitado” ao colexio e a futura gardería que está previsto construír na zona.