Hoxe é Sábado 7 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Biblioterapia, cando os libros curan

dav

Que os libros son unha excelente compaña en calquera momento, é ben sabido. Que supoñen ademais unha excelente alternativa de ocio e lecer, tamén. O que xa é menos coñecido é a súa capacidade “sanadora”. Niso precisamente consiste a Biblioterapia, no uso da lectura cun obxectivo terapéutico. Recórrese a ela principalmente para apoiar o tratamento de problemas emocionais, trastornos, e tamén para promover a saúde mental. E nestes tempos de pandemia, na que levamos inmersos case un ano, “todo o mundo está afectado en maior ou menor medida a nivel emocional”, sinala María Elena Becerra. A responsable das Bibliotecas Municipais de Redondela anima a calquera persoa que o precise “a solicitar consello a un libreiro ou bibliotecario sobre lecturas que poden axudarlle”.

María Elena Becerra, responsable das Bibliotecas Municipais de Redondela

En Galicia existe un proxecto de Biblioterapia promovido pola Axencia de Coñecemento en Saúde e a Consellería de Sanidade, coa colaboración da Rede Galega de Bibliotecas, colexios profesionais, sociedades científicas, asociacións de pacientes e expertos en saúde e literatura, coa colaboración da farmacéutica Lundbeck. Conta con 142 libros recomendados por profesionais da saúde mental, expertos en literatura e pacientes. Os libros deben seleccionarse coidadosamente, tendo en conta o seu nivel de dificultade e a motivación da persoa a quen vai dirixido. Poden beneficiarse das lecturas de autoaxuda persoas de diferentes idades, tanto nenos como adultos, que estean a pasar por unha situación de malestar emocional ou con trastornos mentais leves ou moderados.

A demanda de lectura en tempos de Covid

Neste último ano as bibliotecas de Redondela teñen experimentado un aumento na demanda de libros en préstamo. O confinamento e as restriccións que limitan a oferta de ocio e cultura fan da lectura unha boa alternativa. E se ben o número de lectores nas propias salas das bibliotecas diminuíu, o préstamos de libros para levar a casa incrementouse. A crise que vén aparellada á pandemia é tamén responsable en boa parte desta situación, xa que son moitos os usuarios das bibliotecas que recorren a este servizo “ante a imposibilidade de mercar os libros polas dificultades económicas”, explica Becerra.

A demanda de préstamo de libros incrementouse desde o inicio da pandemia

Banda deseñada e suspense, os favoritos do público

A banda deseñada e o suspense están entre os libros favoritos dos usuarios. As Bibliotecas Municipais de Redondela, acaban de publicar a relación de obras máis prestadas durante o 2020, o ano do confinamento. As máis reclamadas na Biblioteca Pública Municipal Valle-Inclán de Redondela, en canto aos lectores maiores de 14 anos, son o manga The promised Neverland seguido da novela de suspense Mujeres que no perdonan de Camilla Läckberg. Na Biblioteca Pública Municipal Xela Arias de Chapela foi La retornada de Donatella Di Pietrantonio a que se impuxo, seguida de Terra Alta de Javier Cercas e Premio Planeta 2019. As exitosas Reina Roja e Loba negra de Juan Gómez-Jurado tamén se atopan entre as máis requiridas polos lectores de ámbalas dúas bibliotecas. Doutra banda, os menores de 14 anos tamén se decantaron pola banda deseñada tanto na biblioteca de Redondela, cos manga Naruto e Shaman King á cabeza; como na de Chapela con Dad do francés Nob e Sonríe de Raina Telgemeier. En lingua galega os libros máis solicitados polos lectores foron O último barco de Domingo Villar, Beleza Vermella de Arantza Portabales e Un lume azul de Pedro Feijoo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará