Hoxe é Mércores 24 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O CEIP Igrexa recupera a normalidade

cole1

Os alumnos de infantil e primaria deste centro puideron regresar esta mañán ás aulas con certa normalidade despois de que operarios do Concello de Redondela realizaran traballos de limpeza tanto no interior do recinto como nos accesos. Na xornada do pasado vernes, á volta das vacacións de Nadal, os escolares do CEIP Igrexa tiveron que sortear o xeo e o barro acumulado nun dos accesos ao centro e no patio. O persoal de Vías e Obras do Concello desprazouse ao colexio na fin de semana, e tamén esta mesma mañá para retirar o barro e proceder á limpeza da controna, ademais de esparexer sal en todos os accesos para evitar a formación de placas de xeo polas baixas temperaturas. Tamén acudiu ao centro o servizo técnico de mantemento da caldeira, que o venres non funcionaba, e que hoxe xa traballou con normalidade, o que permitiu poñer en marcha a calefacción, que o venres pasado non estaba operativa. Desde o Concello xa se solicitou unha reunión con responables da empresa Audasa, empresa concesionaria da autoestrada AP-9 e responsable da construción do edificio. O goberno local demanda que se reforce o muro de contención lindante co colexio cunha protección, para evitar así que en caso de choiva a terra volva cair no patio do colexio, como aconteceu nos días pasados. Desde a ANPA do centro solicitaron tamén a celebración dun Consello Escolar para que se informe ás familias da situación actual do centro e as reparacións pendentes. A Asociación de Nais e Pais lamenta que nun colexio de nova construción “sigan cos mesmos problemas que cando se inaugurou, con accesos en malas condicións e o patio anegado cada vez que chove”, entre outras deficiencias.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará