Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Estudantes e maiores únense en Redondela para despedir o ano

despedida1

Centros educativos, centros de día e as asociacións Afaga, Andaina e Lenda, participaron este luns na “Despedida Interxeracional” organizada polo Concello de Redondela no multiúsos da Xunqueira. Un acto dirixido e amenizado pola compañía Troula Animación no que os maiores foron protagonistas cunha exhibición de Tai Chi e unha homenaxe a Fran Tilve, mestre durante anos desta actividade que agora deixa as clases pola xubilación.

Unha gala, organizada pola concellería de Servizos Socias e Persoas Maiores, que tivo o seu momento máis emotivo no recoñecemento do labor feito por Tilve nos seus anos á fronte da actividade de Tai Chi en Redondela. Traballo que era recoñecido pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, quen lle facía entrega dun agasallo, así como as súas alumnas con palabras de gratitude e a súa propia filla, cun ramo de flores.

Un acto no que non faltou a diversión, con números de malabares e circenses a cargo da compañía Troula Animación, quen lle puxo o toque de humor a esta gala, que quixo ser a despedida a un ano atípico. Malia aos tempos duros que estamos a pasar, a alcaldesa, aproveitaba para animar a todos a “mirar o lado positivo das cousas” e destacaba que “a COVID conseguiu unirnos máis, traballar a prol dun obxectivo común, reafirmar a solidariedade e a xenerosidade de todas e todos”.

Digna Rivas, alcaldesa Redondela

A rexedora local rematou desexando que “con esa responsabilidade que a veciñanza amosou ao longo deste 2020” o vindeiro ano recuperemos “a tan ansiada normalidade”.

Propósito 2021

Rivas agradecía a colaboración de todos os centros educativos participantes, dos centros de día do municipio e das asociacións Afaga, Andaina e Lenda non só nesta iniciativa, que foi retransmitida polo Facebook do Concello, “senón en todo o que se organizou ao longo do ano para pórlle freo a esta pandemia e que sempre contou co apoio unánime de todas e todos vós”.

Unha despedida ao 2020 no que participaron as escolas de educación infantil A Marisma, Ventosela e San Pedro Cesantes, o CEP Santa Mariña, os CEIP Laredo, Porto Cabeiro, Quintela Cedeira e Igrexa de Chapela. Tamén participou o alumnado do Ciclo Medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia do IES Chapela, os centros de Día Redondela-Cesantes, Os Cortizos, Galeón e Arela ademais das asociacións AFAGA, Andaina e Lenda.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará