Hoxe é Sábado 27 de Xullo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Colectivos de Trasmañó piden a convocatoria do Consello parroquial para determinar os usos do novo multiúsos

trasmañó

O uso das novas instalacións ubicadas no antigo colexio de Trasmañó, reformado na súa totalidade para poder albergar actividades veciñais, nace con polémica. Cando está convocada xa a súa “inauguración” cunha xornada de portas abertas para o vindeiro domingo día 11, catro colectivos da parroquia, a Asociación de veciños, a Comunidade de Montes, a Asociación cultural e a Comisión de festas veñen de solicitar que se convoque un Consello parroquial para que “de xeito consensuado se acorden os distintos usos que debe ter o novo edificio multiúsos”.  

Os colectivos veciñais da parroquia de San Vicente de Trasmañó entenden que é necesario que se convoque xa un Consello Parroquial para que, dun xeito consensuado se acorden os distintos usos que debe ter o edificio multiusos no que se transformou a antiga escola de Trasmañó. “Entendemos que o mesmo debe empregarse, primeiramente, para o gozo de dos nosos veciños e veciñas”.

Critican que o Goberno local adoptara decisións sobre a utilización deste edificio “que nada teñen que ver co que xa estaba acordado con anterioridade” en referencia ao feito de que dúas das aulas do edificio estean ocupadas pola Asociación para Persoas con Necesidades Especiais Andaina, e insisten en que debe ser o Consello Parroquial o órgano onde se tomen esas decisións.

Reclaman ademais que a pista deportiva se abra de xeito inmediato para que poidan acceder a ela a rapazada da parroquia “é único espazo deportivo co que contan e non ten sentido nin explicación que siga  pechado”.

Por último, insisten en que o edificio se use para o que se acordou, que se organice o seu horario e actividades para que dende os maiores  ata os máis pequenos poidan gozar do mesmo e que esta medida non se demore máis.

O goberno local realizará este domingo unha xornada de portas abertas para dar a coñecer as novas instalacións, un acto aberto que estaba previsto para a semana pasada e que tivo que ser adiado por mor do mal tempo.  Unha xornada que contará ás 18:00 horas coa actuación do grupo Airiños do Mar de Teis e que servirá para dar a coñecer o novo Centro Comunitario de Trasmañó, un edificio que conta con dous andares, cinco aulas, unha delas de grandes dimensión, un almacén e tres baños así como un espazo exterior que conta cunha pista multideportiva.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará