Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A renovación da praza de abastos busca crear un mercado “dinámico” consensuado cos vendedores

RR_Noticias

O Concello de Redondela ten a intención de converter o mercado municipal nun espazo dinámico e vivo que exerza como “auténtico motor comercial e económico do municipio”. Unha vez que as empresas presenten os seus proxectos o goberno local manterá reunións cos praceiros e praceiras para que poidan facer as súas achegas e propostas e acadar un proxecto consensuado.

A alcaldesa, Digna Rivas, explica que o obxectivo é “potenciar” esta instalación situada no centro de Redondela, e que pode axudar “á reactivación comercial da vila”. Búscase dar máis dinamismo ao mercado, creando na planta superior “novas oportunidade de negocio” como locais de restauración, xerando “novas actividade e contribuíndo a fortalecer o comercio local”. O mercado redondelán manterá na planta baixa a zona de praza mentres que na planta alta crearase unha zona “multifunción” na que convivan diferentes postos e actividades “creando un punto de encontro e convivencia con cafetería”. Será unha zona “polivalente” onde poderá haber panadería, venda de produtos varios e unha zona de encontro onde celebrar “pequenos eventos, conferencias, exposicións ou concertos co fin de dinamizar e fortalecer o comercio”. A zona da praza, cos postos de produtos do mar, cárnicos e derivados e postos de froitas e hortalizas, ocuparán a planta baixa na súa totalidade. Eliminaranse todos os cerramentos actuais crarase un conxunto de postos de mercado “cunha envolvente continua de madeira ou outro material”, explica Rivas, cun espazo “mellor distribuído” onde as zonas libres se ampliarán para ofrecer “más comodidade e accesibilidade para os usuarios”.
En todo caso a alcaldesa sinala que o proxecto definitivo “sairá das reunións que se manteñan cos praceiros e praceiras e terá en conta as súas ideas e propostas”. O que se pretende, engade Rivas “é crear un espazo que non só dea o servizo que actualmente presta, senón que poida converterse no eixo arredor do que xire a recuperación e dinamización comercial de Redondela”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará