Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Reclaman un plan de usos para a Illa de San Simón que evite “actividades irrespectuosas” coas vítimas

RR_Noticias

Iniciativa galega pola Memoria, xunto con colectivos culturais e sociais de Redondela, veñen de presentar un escrito ao goberno local instando a que dende o Concello se aprobe un Plan de Usos que evite a realización de actividades de carácter privado e que consideran pouco respectuosas coa memoria das vítimas que pasaron polo cárcere franquista. Neste sentido rexeitan o Campamento Pirata que se vai celebrar no vindeiro mes de agosto ou a festa de Samaín prevista para noite de defuntos do ano pasado e que finalmente foi suspendida.

Unhas actividades que se repiten ano tras ano e que supoñen, en palabras do voceiro de Iniciativa Galega pola Memoria, Matías de la Torre, unha banalización da Illa, un espazo que foi lugar de tortura para centos de vítimas da ditadura franquista e que entenden ten que deixar de ser “a Illa pirata, a illa dos concertos ou a illa do samaín” para ser realmente a “Illa da Memoria”.
Por este motivo instan ao Concello a que tal e como esixe a lei estableza un Plan de Usos que determine con claridade que eventos se poden levar a cabo alí e evitar así que o calendarios de actividades siga en mans “das arroutadas das empresas privadas”. Ao seu entender a Illa debe ser “un lugar para lembrar a represión con actividades educativas e divulgativas que sigan esa liña independentemente de que se poida realizar outro tipo de programación sempre e cando encaixe nun espazo desas características”.
Ademais das asociación memorialísticas do país que aglutina Iniciativa Galega pola Memoria, asinan este manifesto colectivos redondelás como Paxaretas , Xente Titiriteira, Tanxarina Títeres, a asociación Cultural Alén Nós e o Colectivo Republicano.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará