Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A árbore cortada na finca do Carballo das Cen Pólas era unha acacia

RR_Noticias

O Colectivo Artelixo e o Concello de Redondela saíron ao paso da denuncia realizada polo Partido Popular quen alertaba de que a raíz da organización dun concerto nesta finca de Reboreda se tivera talado un carballo de máis de 20 anos. Aseguran que “non se produciu a tala de ningún carballo na contorna de “O Carballo das Cen Pólas”, e engaden que a tala realizada nas proximidades do monumento dedicado a Otero Pedrayo “era unha acacia en moi mal estado que implicaba grave risco ante a ameaza de caída”.

A tala dunha árbore na Finca do Carballo das Cen Pólas foi motivo de polémica esta fin de semana, logo de que o Partido Popular afirmara que dita árbore fora plantada no ano 1998 para conmemorar a figura de Otero Pedrayo, autor da obra “O Señorito de Reboraina” e que ademais viña substituír a árbore centenaria que daba nome a este prado e que secara. Responsabilizaban ademais desa actuación ao colectivo Artelixo afirmando que “a tala tivera lugar durante os preparativos da romaría que se celebraba este domingo para clausurar o certame”.
Ante esta denuncia tanto o Colectivo Artelixo como o Concello decidiron emitir un comunicado conxunto no que afirman que “as tarefas de limpeza na finca foron realizadas con todas as garantías sen que as árbores da carballeira se viran afectadas” engadindo que a “corta realizada nas proximidades do monumento se corresponde a unha acacia en moi mal estado e que implicaba un grave risco para as persoas ante a ameaza de caída da propia árbore”.
Aseguran ademais que a persoa que realizou a tala “identificouse de xeito voluntario ante o Concelleiro de Medio Ambiente e os axentes da Policía Local asumindo toda a responsabilidade e eximindo tanto ao Colectivo Artelixo como ao concello”.
Conclúe o comunicado afirmando que o goberno local porá estes feitos en coñecemento  da Xunta como titular da parcela e lamentando que as afirmacións realizadas polo PP “non se axustaran a realidade, provocando unha alarma innecesaria entre os veciños e o colectivo organizador do evento”.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará