Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Música ecoloxista e reinvindicativa no CD do Artelixo

RR_Noticias

En Reboreda, no Carballo das Cen Polas, preséntase este domingo o CD recopolatorio do Artelixo. Un traballo con 37 temas de diferentes artistas e estilos co que o colectivo conmemora o seu 25 aniversario. A xornada comezará ás 12.00 horas coa sesión vermú e os concertos prolongaranse ata as 20.00 horas.

Comezarán os gaiteiros do grupo Asubíos de Portocedeira, Pacíficos errantes, Panorámika e Antón ke. Ás dúas da tarde farase unha parada para xantar e na sobremesa actuarán o grupo de teatro de Ventosela, Iván Gulín, Su Garrido, Xulia María e Sheila Patricia, Gafanhotos Aviados, Gaiazz e as Efémeras. A partir das 18.00 horas subirán ao escenario Seso Durán, Relámpago, Patrulla Canica, AMBC, Los Walter Mattaus, Paciencia Paradise, 30 de fibra e The 2 zapatóns. O tema “Misto” de Akata, con letra e voz de Tatán, abre o recopilatorio. Para o actor, titiriteiro e cantante redondelán é “un pracer” participar neste traballo discográfico. Salienta a importancia do colectivo Artelixo e os seus 25 anos traballando pola cultura e a concienciación medioambiental. Un estilo musical ben diferente é o de Seso Durán, que participa no disco co tema “Comanche”, un percorrido imaxianario ao máis puro estilo do universo “Mad Max”, onde transita por un desguace. Para o artista iniciativas coma esta teñen “un gran valor”, xa que se algo ten demostrado a pandemia da COVID-19 é que a cultura é “máis necesaria ca nunca”. O disco recolle tamén a grupos de música tradicional galega, como Tanto nos Ten, que ademais se caracteriza polas súas letras reivindicativas “en todos os eidos”, como explica o seu compeñente Josinho da Teixeira. Para el é “unha honra” participar neste CD do Artelixo, e fano co tema “Afumada”, no que denuncian “a inxustiza dos incendios forestais”. No concerto participan a meirande parte dos artistas que conforman este dobre CD. O disco poderá adquirirse no lugar ata o remate da romaría musical, que está prevista para as 20.00 horas. Unha festa marcada tamén polas medidas de seguridade e distanciamento impostas pola alerta sanitaria do coronavirus. O aforo está limitado a 200 persoas. O uso de máscara é obrigatorio e voluntarios de protección civil farán un control de temperatura á entrada do recinto. Para asistir ao concerto, con entrada de balde, cómpre facer unha reserva escribindo a artelixoredondela@gmail.com. Hai que indicar o nome completo de todos os asistentes e un teléfono de contacto. Aínda quedan algunhas prazas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará