Hoxe é Venres 29 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Soutomaior aumenta as medidas de protección fronte ao COVID19 e suspende a Festa da Ostra

RR_Noticias

O goberno local dá por suspendida a Festa da Ostra deste ano, prevista para abril, e limita o acceso a zonas de lecer. A policía local está a facer un horario intensivo, con patrullas para informar á poboación e aos comerciantes. Protección Civil realizará tarefas de asistencia a persoas maiores para evitar que teñan que desprazarse para mercar alimentos, medicinas ou outros servizos básico.

O Concello de Soutomaior acaba de aumentar as medidas de protección no municipio para evitar contaxios por coronavirus. Tras as cancelacións de actividades e o peche de edificios públicos da pasada semana, esta mañá anunciouse a suspensión da Festa da Ostra, á espera da evolución dos acontecementos, acoutáronse diversas zonas do municipio, e establecéronse diversos servizos de apoio aos cidadáns. Unha das principais medidas de apoio e concienciación é o horario intensivo da policía local, que durante estes días patrulla constantemente por todo o municipio. A súa misión é a de lembrar á poboación as medidas impostas polo Goberno sobre o estado de alarma, aclarar as dúbidas de moitos comerciantes sobre se está permitida ou non a súa actividade e aconsellalos sobre as condicións nas que deben prestar os seus servizos.
Asistencia a persoas maiores
Do mesmo xeito, o servizo de Protección Civil realizará tarefas de asistencia a persoas de avanzada idade para evitar que teñan que desprazarse a realizar a compra de alimentos, medicamentos ou doutros servizos básicos. Para solicitar este apoio os interesados deben dirixirse aos teléfonos 626 477 355 e 652 493 268, en horario de 9 a 14 horas e de 16 a 21 horas.
Outra das medidas adoptadas polo Concello é a suspensión da Festa da Ostra deste ano, prevista para o 5 de abril, e que contaría con Benedicta Sánchez, a gran triunfadora na última gala dos premios Goya do cinema español, como pregoeira. Ademais, o goberno local decretou o peche de diversas áreas de lecer, como o paseo marítimo, e a restrición do acceso a zonas como o Peirao de Arcade, ao que só se permite o paso aos residentes e os traballadores da lonxa.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, destacou que, a pesar de atoparse en servizos mínimos, o consistorio segue funcionando. A atención ao público faise de maneira telefónica e se asesora a quen o necesite sobre como facer os trámites de maneira telemática na sede electrónica. Reguera explica que estas medidas se tomaron “por responsabilidade”, e quixo tranquilizar aos veciños lembrando que “só hai que seguir as recomendacións das autoridades sanitarias e ter sentido común”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará