Hoxe é Venres 29 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Soutomaior suspende o Certame da Camelia como medida de contención do coronavirus

RR_Noticias

O Concello de Soutomaior toma así as primeiras medidas de prevención contra ao coronavirus, suspendendo temporalmente o certame da camelia, que se ía celebrar entre o 21 e 22 deste mes, e detén a programación de actividades municipais para evitar reunións numerosas. Non desbotan que haxa que suspender a Festa da ostra, prevista para os días 4 e 5 de abril, cando os prognósticos apuntan que podería darse o pico de contaxios na comunidade.

O Concello de Soutomaior acaba de pór en marcha as primeiras accións para previr a expansión do Covid-19 no municipio. A primeira medida é a suspensión temporal do Certame Floral da Camelia así como paralizar a organización de novas actividades para evitar aglomeracións.
Malia que non se detectou ningún caso no municipio, o alcalde, Agustín Reguera, quixo tranquilizar aos veciños e lembrar “que o que hai que facer é seguir as recomendacións das autoridades sanitarias e ter sentido común”. Do mesmo xeito, destacou que está en contacto permanente cos responsables de educación e sanidade para coñecer o estado dos protocolos propios postos en marcha e manter unha comunicación activa que permita reaccionar ante un posible avance do virus.
A próxima festividade local que podería resultar afectada é a XXXIV Festa da Ostra, que debería celebrarse os días 4 e 5 de abril, e cuxa celebración está agora mesmo pendente da evolución dos acontecementos e das recomendacións que as autoridades sanitarias emitirán os próximos días.
Ademais da suspensión de actividades, o Concello tamén decidiu instalar dosificadores con xel desinfectante en todas as dependencias e edificios municipais. Así, nos próximos días os usuarios da biblioteca municipal, o pavillón deportivo, a Casa do Concello e o multiusos de Arcade disporán de dispensadores cos que se mellorarán as condicións de hixiene para aumentar a súa seguridade.
As actividades deportivas municipais como as escolas deportivas seguen polo momento co seu desenvolvemento habitual en espera das instrucións das autoridades educativas e continuarán desta maneira mentres se manteña o desenvolvemento escolar habitual. En caso de suspenderse as clases tamén o farán as actividades extraescolares municipais.
Por último, desde o Concello está a levarse a cabo unha pequena campaña de concienciación a través das redes sociais e plataformas dixitais municipais lembrando como mellorar os nosos hábitos de hixiene para mellorar a prevención ante o contaxio.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará