Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco frea en Bergantiños

RR_Noticias

Os anfitrións impuxéronse nun partido moi disputado (2-1) no que se anulou un gol a Yeriai por un dubidoso fóra de xogo. No lado positivo vitoria do Atl. Vilar, Chapela e Nespereira. No fútbol sala  omarcal gañaron o Pazos e o Arealonga e empatou o Redondela. No balonmán triunfos para Rodosa Chapela e SAR Plastic Omnium.
 

Terceira División

Bergantiños 2-1 Choco
Chegaba o CD Choco a Bergantiños coa ilusión de poñer o broche de ouro a unha moi boa primeira volta con 3 puntos. Pero o bo xogo dos de “Gonza” non foi suficiente, faltoulles efectividade para meter as ocasións creadas. O plantel redondelán dominou o xogo, tivo a posesión do balón e imprimiu o ritmo do partido, pero non foi quen de materializar as chegadas á portería de Christopher. E o Bergantiños púxose por diante grazas a un remate de cabeza de Agulló no minuto 4. A partir de aí o conxunto anfitrión replegou liñas e anulou o xogo do Choco que, tras o descanso, acentuou o seu dominio. No minuto 63, coa entrada de Davicín, o Choco tivo máis profundidade, pero o Bergantiños defendeu preto da súa área. E cando máis apretaba o Choco, chegaría o segundo tanto dos locais, nunha contra logo dun tiro de Félix que se vai alto. Rivera sería o autor do tanto, subindo o 2-0 ao marcador. Con todo, o Choco non cedeu na presión, e a catro minutos para o final, atopou o gol que mantivo a tensión ao choque. Sergio Santos disparou desde dentro da área, o balón tocou nun defensa, deu no traveseiro e nas costas de Christopher antes de aloxarse na portaría. E xa sobre o tempo regulamentario Yerai marcaría o segundo, anulado ao interpretar o colexiado que o xogador estaba en fóra de xogo. Xogada dubidosa que propiciou as queixas da bancada da afición de Redondela. Remata o Choco a primeira volta no 6º posto da táboa, empatado a puntos co 5º, o Fabril, quen será precisamente o seu rival esta próxima xornada. O Choco comeza a segunda volta como visitante no campo do filial do Depor.
Primeira Galega

Umia 4-0 Arcade
O líder foi moi superior ao conxuto de Soutomaior, que baixa ao 10º posto. Na próxima xornada reciben ao Tyde, que é 6º, pero a só 1 punto de distancia.
Segunda Galega

Cesantes 1-3 Domaio
Os do Morrazo levaron os 3 puntos de redondela e seguen na parte da táboa, mentres o Cesantes se afunde no 16º posto da clasificación. Poderán mellorar a súa situación o domingo, cando visitan o campo do pechacancelas, o At. Faxilde.
Louro 1-4 Atl Vilar
O equipo de Vilar impúxose con claridade no campo do pechacancelas do seu grupo, o Louro. Agora os de Jorge Iglesias son 14º e confían en mellorar posicións nesta segunda volta para acadar o obxectivo da permanencia. O domingo teñen un duro rival en San Martiño, reciben ao Ribeira, 4º clasificado.
Terceira Galicia

Chapela 1-0 Moledo
O Chapela impúxose pola mínima ao Moledo e mantense na 4ª praza. Na próxima xornada visita o campo do Sampaio, 7º do grupo, pero a tan só 1 punto de distancia.
Nespereira 2-1 San Roque Casa Branca
A gran sorpresa da xornada foi o triunfo do pechacancelas ante un dos equipos que pelexa por disputar o play off de ascenso, nun choque no que, ademais, o Nespereira fixo un gran traballo. Adiantouse no primeiro minuto, marcou en propia meta do gol do empate e quedou finalmente cos tres puntos cun tanto de Francisco Iglesias a vinte minutos do final. Na próxima xornada visitan o campo do Peñasco.
Fútbol Sala

Terceira División

Unión GRB 2-8 Pazos de Borbén F.S
Importante vitoria dos de Pazos, que se afastan dos postos complicados da táboa grazas á goleada protagoniada por Luis(4), Diego(1), Sandro (1), Aarón (1), e Pablo(1). Na próxima xornada reciben en Pazos ao Outeiro de Rei, co rival situado no pozo da clasificación. Será o sábado ás 19.00 horas.
Preferente Sur

As Neves 3-3 Redondela Maramar
Regresaron á competición cun empate, despois dun longo parón de liga, e conseguiron un empate que vale ouro no pavillón das Neves, o líder do grupo. O Redondela Maramar segue 2º, en postos de ascenso directo, a 3 puntos do liderado e empatado co EDO Sala Ourense, que gañou en Chapela. Na próxima xornada visitan a pista do Coperfi Cereixa Gondomar, 5º clasificado a 5 puntos de distancia. O domingo ás 17.00 horas.
Campito 4-6 EDO Sala Ourense
Derrota en Chapela nun partido moi disputado que deixa ao Campito no 8º posto. O domingo repiten como locais e reciben ao Abetos Gondomar, 6º do grupo, con 3 puntos máis.
Primeira Galicia

Vigo FS “B” 0-11 Arealonga Const.Castro
Os de Chapela seguen como líderes indiscutibles do grupo logo dunha abafante goleada ante o Vigo FS “B”. Na próxima xornada teñen descanso, regresarán á competición o 25 de xaneiro. Será no pavillón do Baiña “B”.
Balonmán División de Honra Prata Feminina

Zonzamas 36-33 SAR Rodavigo
Gran partido da SAR en Lanzarote, pero sen recompensa. O encontro púxose complicado desde o comezo para as de “Chini”, que aos poucos foron recortando distancias ata poñerse a un gol (21-20). A partir do 26-25 o Zonzamás logrou un parcial de 3-0, que xa foi definitivo. Na próxima xornada reciben ao Porriño, coas rivais no ecuador da táboa.
Primeira Nacional

Lavadores 24-37 Rodosa Chapela
O Rodosa Chapela segue imparable, e xa está a 1 punto do líder logo dunha abafante vitoria sobre o Lavadores, pechacancelas do grupo. Os vigueses só aguantaron o ritmo os primeiros dez minutos, a partir de aí o Chapela foi abrindo distancias no marcador. Chegou o descanso con 13-17 e seguiu ampliando a fenda ata os 13 goles ao remate do encontro. No 3º posto, a 1 punto de Lalinense e Lanzarote, que comparten liderato, a próxima fin de semana volven xogar fóra. Comezan a segunda volta no pavillón do Carnes do Ribeiro, situado na metade baixa da táboa.
Primeira Autonómica

Galipizza Viveiro 22-29 SAR Plastic Omnium
O conxunto redondelán mantén o liderado do grupo logo dun partido en Viveiro no que foi moi superior aos anfitrións. Esta fin de semana remata a primeira volta na pista do Pavillón Ourense, 10º clasificado.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará