Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Entroido de verán prolóngase no pleno

RR_Noticias

A moción presentada polo PP con distintas propostas orientadas a evitar o que cualificaron de “fracaso organizativo” e que incluían recuperar a gala Drag ou retomar a política de contratacións de “artistas axeitados para este tipo de eventos” foi rexeitada ao non atopar ningún apoio entre os grupos da corporación. O BNG criticou aos populares a súa “política revanchista” por tentar sacar rendabilidade política dun tema de saúde pública como é o botellón. Dende o goberno local, tanto AER como PSOE recoñeceron que fracasaron no seu intento de frear o botellón pero salientaron as melloras feitas nesta edición cun maior número de actividades orientadas ao público familiar.

O PP non logrou sacar adiante a moción presentada no pleno de onte que buscaba “superar o fracaso organizativo” que ao seu entender supuxo o Entroido de verán celebrado o pasado 24 de agosto. Na proposta incluían unha batería de medidas que pasaban por recuperar a Gala Drag, retomar a contratación de concertos que atraian a un maior número de público, reforzar o servizo de transporte ou separar os espazos nos que se celebran as actividades infantís dos empregados polos mozos para o botellón. Unha moción que para o BNG é froito da “política revanchista que está a desenvolver o PP” a quen acusaron de empregar un tema de saúde pública e de enorme gravidade como é a inxesta de alcohol por parte dos mozos para “sacar tallada política”. Con todo, os nacionalistas tamén criticaron ao goberno local por facer unha valoración positiva dun entroido non que unha vez máis o botellón foi protagonista. Pola súa banda, o goberno local defendeu a súa xestión na organización deste evento multitudinario malia recoñecer tamén que houbo erros que haberá que corrixir de cara a vindeiras edicións. Así, o edil de cultura e membro de AER, Daniel Boullosa explicaba que “fracasamos no noso intento de reducir o botellón” ao tempo que descartaba retomar a contratación de artistas como King África ou Henry Méndez. “O noso obxectivo non é traer a 50.000 persoas a Redondela a emborracharse”, explicaba o edil quen apuntaba tamén que iso non beneficia en ningún caso ao comercio local “tan só aos supermercados “. Si recoñecía a necesidade de fomentar espazos onde non se permita beber como medida para atallar o consumo de alcohol. Pola súa banda o socialista Leonardo Cabaleiro aseguraba que “corrixir é de sabios e hai cousas que teremos que reformular, motivo polo que xa estamos a traballar no entroido do ano que ven para fomentar a seguridade, a igualdade e sobre todo o comportamento cívico dos participantes na festa. Aproveitou para salientar iso si que “houbo cambios moi positivos respecto de edición anteriores como un ambiente máis familiar grazas aos numerosos espectáculos infantís que s desenvolveron ao longo do día”. Explicacións que non convencen ao PP. A súa voceira, Carmen Amoedo, insistía en que “a programación non era a axeitada para este tipo de eventos o que se traduciu en que se rebaixara moitísimo a asistencia de público”. Houbo debate tamén en canto ao investimentos que ao concello lle supón este evento. Malia non darse datos concretos os socialistas aseguraban que se “gastou a metade que en anos anteriores” ao que Amoedo contestaba “gastarían a metade, pero foron cartos mal gastados”. Unha sesión na que tomaron posesión do seu cargo como concelleiros os novos edís do PP, Erminda Quelle e David Muíños, que chegan a corporación logo da renuncia dos seus compañeiros de partido, os populares Javier Bas e Julio Mougán. O pleno arrancaba cun minuto de silencio en lembranza do ex alcalde, Amado Ricón, falecido o pasado mes de agosto.  

Carmen Amoedo PP
Defendía a moción asegurando que se debe mellorar a organización deste ano
Xoán Carlos González BNG
Acusa aos populares de exercer unha política revanchista
Daniel Boullosa AER
O edil de cultura asumía os erros pero defendía a programación realizada
Leonardo Cabaleiro PSOE
Entende que a programación supuxo unha mellora para os nenos e familias que acudiron ao evento
Orzamento do entroido
O goberno local asegura que a edición deste ano custoulle ao concello a metade que no ano anterior
Mal gasto
Así o entenden no PP

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará