Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Balance “moi positivo” do Entroido de Verán con elevada participación e menos incidencias

RR_Noticias

Segundo cálculos da Policía Local de Redondela foron 25.000 os asistentes ao XXII Entroido de Verán. Os datos de Protección Civil rebaixan a cifra de incidencias a case que a metade das rexistradas o pasado ano. Desde o Concello fan un balance “moi positivo” tanto no que fai referencia á asistencia de público, coma na “viraxe da programación” cunha festa “máis familiar”.

Segundo a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, a afluencia de público foi moi elevada. Un elemento que o goberno local destacou foi “o escalonamento na chegada dos autobuses de transporte público”, o que propiciou que os milleiros de persoas que querían participar na festa, o fixeran “de xeito repartido, sen as avalanchas que caracterizaron as anteriores edicións”, segundo a Policía Local. O incremento do dispositivo de seguridade deu como froito que, entre as 12 horas do sábado 24 de agosto e as 10 horas do domingo 25 de agosto, “o número de chamadas recibidas en dependencias policiais e directamente relacionadas coa festa, se vira sensiblemente reducida respecto a anos anteriores”. Nesa mesma liña, Digna Rivas e Daniel Boullosa amosaron a súa satisfacción polas cifras achegadas polo xefe coordinador de Protección Civil, datos que “amosan que o número de incidencias reducíronse case que a metade en relación coas do pasado ano”. Os datos, nese sentido, son claros: o Entroido deste ano rexistrou un total de 35 incidencias fronte as 57 da pasada edición. Esa diminución reflectiuse tamén nas saídas que tiveron que facer as ambulancias, que tan só tiveron que mobilizarse dúas veces fronte as catro do 2018.
O concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, quixo chamar a atención sobre a boa acollida que tivo o cambio de programación con respecto a edicións anteriores, con cheo total en concertos como o de “De Vacas”, que abría a programación. As actividades infantís tiveron tamén unha moi boa acollida e nenos e nenas participaron activamente nos obradoiros, concertos e actividades especialmente desñadas para eles, segundo Boullosa.
Redución do efecto botellón
Un dos obxectivos do Goberno local para este Entroido de Verán 2019 era “afastar a imaxe de macrobotellón que levaba asociada esta celebración dende hai tempo”. Ainda que é un efecto “que non se pode eliminar dun día para outro”, sinalaban Digna Rivas e Daniel Boullosa, a celebración de actividades en diferentes lugares do casco urbano “tivo o efecto de atrasar o botellón”. Tanto así que os datos aportados polos servizos médicos dan conta que o primeiro caso de intoxicación etílica foi atendido pasadas as 21 horas, “cando en anos anteriores, a primeiras horas da tarde, o hospital de campaña xa tiña que atender numerosos casos destas características”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará