Hoxe é Xoves 28 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Digna Rivas convértese na primeira alcaldesa de Redondela cun marcado discurso feminista

RR_Noticias

Un multiúsos ateigado de público acolleu o pleno de investidura no que a candidata socialista se converteu na primeira muller en ocupar a alcaldía de Redondela logo de recibir os votos a favor de 12 concelleiros (7 do PSOE, 3 de AER e 2 do BNG). Un cambio de goberno que deixa ao PP na oposición. O seu candidato e alcalde durante os últimos oito anos, Javier Bas despediuse con palabras de agradecemento ao seu equipo e aos veciños “que me converteron en gañador en tres eleccións consecutivas”. Agradecementos tamén da xa alcaldesa, principalmente aos grupos que lle deron o seu apoio e o compromiso de ser “a alcaldesa de todos” e de abrir as portas do concello para que “corra o aire”.

Digna Rivas recibía de mans do seu predecesor no cargo, Javier Bas, o bastón de mando nun pleno de investidura celebrado ás 11:00 horas de hoxe que a confirman como primeira muller alcaldesa de Redondela logo dunha votación na que acadou doce votos fronte aos nove do PP. Un cargo que Digna Rivas asumía agradecendo o apoio dos veciños e dos grupos que permitiron cos seus votos a súa investidura. “Comprométome a seu unha alcaldesa para todos sen pedir carnés de afiliación, as portas do concello e dos despachos estarán abertas a todos os veciños, presidirei un goberno que fará da igualdade, a equidade, a xustiza social e a participación o seu sinal de identidade”. Con esas palabras arrancaba o seu primeiro discurso xa como alcaldesa, comprometéndose a prestar unha especial atención ás políticas de igualdade “porque as mulleres somos o 52% da poboación e sen nós non se pode falar dunha sociedade xusta, decente e con futuro, quero converter Redondela nun referente da igualdade, con programas de visibilización das mulleres e contra a violencia de xénero”. Unha sesión de investidura que arrancaba con aplausos tanto á chegada de Bas, que era recibido por parte do público ao berro de “alcalde, alcalde” como da propia Digna, que facía a súa entrada tamén entre os aplausos do auditorio. Abría o pleno a toma de posesión dos 21 concelleiros que conforman a corporación local e na que tanto o BNG como os concelleiros de AER saltáronse a fórmula habitual de promesa do cargo. Así, os dous edís nacionalistas empregaron a fórmula “ata que Galicia se converta nunha república popular e feminista, por imperativo legal prometo a miña lealdade…”. Os tres representantes da Agrupación de Electores optaban por fórmulas diversas, Susana Couñago comprometía a súa lealdade cos veciños de Redondela, Daniel Boullosa apuntaba o seu compromiso coa actual Constitución “ata que poida votar outra” e Roberto Villar optaba por un texto moito máis imaxinativo. Despedíase a continuación Javier Bas “deixo unha Redondela moito mellor da que recibín” e incluía palabras de agradecemento ao equipo que o acompañou estes oito anos así como aos grupos da posición “polas súas achegas nestes anos de goberno”. Facía fincapé nos resultados electorais “os veciños convertéronme en gañador en tres eleccións consecutivas”. Uns resultados que, con todo, non foron suficientes para manter a alcaldía polo que se despedía do cargo desexándolle a súa sucesora “que teña acerto á hora de representar e defender os intereses dos veciños” e ofrecéndolle a súa colaboración “porque seguirei sempre defendendo Redondela no posto que me toque ocupar porque para min, como xa sabedes, ante todo Redondela”.  

Digna Rivas alcaldesa
Un discurso de investidura marcado pola liña feminista e o compromiso de ser a alcaldesa de todos os veciños e veciñas
Javier Bas PP
O ex alcalde despedíase amosando a súa disponibilidade a colaborar co novo goberno
Toma de posesión AER
Diferentes xeitos de prometer o cargo
Toma posesión BNG
Prometeron por unha república galega

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará