Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Digna Rivas será a primeira alcaldesa de Redondela logo de pechar un acordo de investidura con AER e BNG

RR_Noticias

Haberá cambio de goberno en Redondela. A Agrupación de Electores compromete o seu apoio a Rivas tras chegar a un acordo de investidura que permitirá á candidata socialista contar cos votos a favor de 12 concelleiros fronte aos nove do PP. A candidata á investidura subliñou os “múltiples puntos de coincidencia” con AER e BNG que facilitaron a chegada a un acordo de cara ao Pleno do sábado. A Agrupación de Electores confirma a súa intención de seguir negociando de cara a entrar no futuro goberno.

O acordo acadado no día de hoxe coa Agrupación de Electores de Redondela (AER) e BNG, polo que ámbalas dúas formacións apoiarán a investidura da candidata do PSdeG-PSOE como alcaldesa de Redondela, converterá a Digna Rivas na primeira muller que ocupa a Alcaldía na historia do municipio.
Os apoios de AER e BNG prodúcense logo de varias reunións nas que se matizaron os diferentes puntos achegados por cada unha das formacións para, finalmente, chegar a propostas consensuadas que como último paso, foron referendadas pola Executiva Local do PSdeG-Redondela.
Digna Rivas subliñou os “múltiples puntos de coincidencia” coas demais formacións o que, segundo a candidata socialista “facilitou o camiño para chegar a un acordo final”.
Engadiu que Redondela “contará, a partir do sábado, cun Goberno que teña como única prioridade a defensa dos intereses dos veciños e veciñas” e que teña como “sinal de identidade a equidade e a xustiza social”.
“Os veciños e veciñas poden ter a certeza que contarán cun Concello onde todos e todas sexan iguais, que actúe con total transparencia e onde o caciquismo e clientelismo non terán cabida”, insistiu Digna Rivas.
A candidata socialista agradeceu tanto a AER coma ao BNG, a súa “predisposición a acadar un acordo” dando resposta ao expresado pola veciñanza nas urnas “que deu unha clara maioría ás forzas de esquerda e que expresaba o desexo de que o seu municipio puidera contar con goberno progresista”.
Doutra banda, e tal e como lle esixira AER, Digna Rivas trasladou as desculpas de Santos Héctor, exsecretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, polas manifestacións realizadas en xuño de 2015 nas que o dirixente socialista cualificaba a formación asemblearia de “marca branca do PP” do que tería obtido “favores laborais”, declaracións que, segundo o propio Santos Héctor, “foron froito da complexa e tensa situación política que se estaba a vivir neses momentos”. 
 
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará