Hoxe é Mércores 24 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Anna R. Figueiredo gaña o Premio Viadutos cunha novela sobre a emigración dos mozos galegos

RR_Noticias

“Os bicos feridos” é a obra gañadora do Premio Viadutos de Novela 2018. A súa autora, Anna Rodríguez Figueiredo, recibiu o galardón de mans do alcalde, Javier Bas, nun acto celebrado no Concello de Redondela. O xurado salientou “a orixinalidade e o estilo poderoso” desta novela.

“Os bicos feridos” é o seu debut literario, e xa está nas librarías. O encargado de conducir o acto de presentación da novela foi o concelleiro de Xuventude, Julio Mougán, quen puxo en valor “a maioría de idade” do certame Os Viadutos, que nesta 18ª edición dá o salto como premio de novela, logo das primeiras 17 edicións nas que foi un concurso de relatos curtos. Un “reto” para o Concello, no que contaron coa colaboración da Editorial Galaxia. O resultado foi “un éxito”, segundo Mougán, tanto pola cantidade como pola calidade das obras recibidas, un total de 47. Tamén o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, salientou o éxito deste certame literario que sitúa a Redondela “no centro neurálxico do sistema literario galego” e agradeceu “a valentía” do Concello por convocar o premio. Asistiron tamén ao acto algunhas das compoñentes do xurado, como as escritoras Tamara Andrés e Inma López Silva, a editora Malores Villanueva ou a libreira Mercedes Corbillón. Esta última foi a encargada de falar da obra gañadora en nome do xurado, que elixiu “Os bicos feridos” por unanimidade. Auguroulle un grande éxito á novela, da que dixo é “unha obra potente” que fala dunha emigración forzosa á que se ven obrigados moitos mozos e mozas galegas cunha excelente formación académica pola falta de oportunidades no país. A flamante gañadora agradeceu o premio ao Concello de Redondela e á editorial Galaxia, e recoñeceu que Castro, do que foi alumna, é un dos seus referentes. Asegura que “nunca deixa de aprender” e que a súa novela conta a experiencia de calquera galego “que malia ter unha excelente formación e cumprir coas regras non ten un país co que contar”. “Bicos feridos” conta a soidade e os problemas aos que se enfrentan cando están fóra. Para a autora gañar este premio é “un soño” feito realidade. Pola súa banda Javier Bas manifestouse “orgulloso” de ser o alcalde de Redondela na xornada de entrega deste premio no que se suma “paixón, profesionalidade e talento”. Anna R. Figueiredo (Ourense, 1979) é profesora de Física. Licenciada pola USC viviu 5 anos a cabalo entre Gran Bretaña e Compostela, e doutorouse na Universidade de Sheffield. Gañadora de varios certames de relatos curtos, “Os bicos feridos” é a súa primeira novela.

Julio Mougán concelleiro de Xuventude
O resultado foi "un éxito" segundo Mougán tanto pola cantidade como pola calidade das obras recibidas un total de 47.
Francisco Castro director xeral de Galaxia
Salientou o éxito deste certame literario que sitúa a Redondela "no centro neurálxico do sistema literario galego" e agradeceu "a valentía" do Concello por convocar o premio.
Mercedes Corbillón xurado
Auguroulle un grande éxito á novela da que dixo é "unha obra potente".
Anna R. Figueiredo gañadora
Afirma que a súa novela conta a experiencia de calquera galego "que malia ter unha excelente formación e cumprir coas regras non ten un país co que contar".
Javier Bas alcalde
Bas manifesto estar "orgulloso" de ser o alcalde de Redondela na xornada de entrega deste premio no que se suma "paixón profesionalidade e talento".

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará