Hoxe é Domingo 3 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela agarda máis de 30.000 persoas na XXXII Festa do Choco

RR_Noticias

A carpa, instalada no campo da feira, e os establecementos hostaleiros da localidade servirán máis de 5.000 quilos de choco esta fin de semana. A organización realiza nesta edición un importante esforzo porque, malia o incremento de prezos do cefalópodo, o importe das racións mantense.

Redondela acolle esta fin de semana unha das festas gastronómicas máis importantes da bisbarra. A XXXII edición da Festa do Choco foi presentada onte polo Concello e os hostaleiros en Rande, onde a concelleira de Eventos, Ángela Antón, foi a encargada de dar conta da programación, que se prolonga toda a fin de semana. As actividades comezarán o venres ás oito da tarde coa apertura da carpa, na que se instalarán once postos de venda de produtos elaborados con chocos, sobremesas, queixos e un de embutidos. A edil remarcou que o principal obxectivo desta festa, como cada ano, é poñer en valor a excelencia deste produto da Enseada de San Simón. O día grande da festa será o domingo coa lectura do pregón polo monologuista Javier Varela. A música será outro dos pratos fortes coa actuación de doce grupos musicais, entre eles a Orquestra de Saxos. Os talleres son outra das apostas, estando dirixidos aos máis pequenos. Ademais, o sábado ás 18 horas haberá unha demostración de cociña a cargo de Gastrobar. Antón salientou tamén o esforzo que fan os hostaleiros para manter os prezos, xa que a cotización do choco disparouse este ano. O prezo do quilo en lonxa estivo en 9,50 euros, o que supón dous euros máis que o ano pasado. Con todo, as racións poderán degustarse ao mesmo prezo que na edición anterior, coas racións de choco a 9 euros. A empanada de trigo dun quilo a 15 euros, a 20 a de quilo e medio e a seis a ración. No caso da empanada de millo a de quilo custará 20 euros e a ración oito. Na presentación, realizada no exterior do Museo de Meirande, participaron tamén Teresa París, concelleira de Cultura e Turismo, representantes da Asociación de Empresarios, o Patrón Maior da Confraría de Pescadores, Clemente Bastos, e tamén Jaime Villaverde, un dos fundadores desta festa gastronómica. O responsable da confraría asegurou que o cefalópodo presenta este ano “unha excelente calidade”, e que a campaña está a ser moi positiva, tanto en capturas como en prezos. A temporada rematará o 30 de xuño, e o pósito redondelán calcula que ata esta data se capturarán uns 34.000 quilos, superando o volume do ano pasado, que foi de 32.000 quilos. Bastos tamén animou aos hostaleiros de Redondela a implicarse máis na festa, e incrementar o número de casetas no recinto, que este ano serán 11, xa que se a oferta non medra na carpa, a festa non poderá mellora. Desde a propia Asociación de Empresarios recoñecen que “deberían participar máis negocios”, xa que se trata dunha festa que beneficia “a todo o comercio local”. Carlos Villamarín, da directiva, fixo un chamamento aos sectores públicos e privados para seguir potenciando “todas as fortalezas de Redondela”, como é o caso do Choco. A edil de Cultura e Turismo, Teresa París, sinalou “a longa traxectoria” desta festa, que é “un orgullo” para Redondela xa que ten como obxecivo “ensalzar” un dos seus referentes, como é o choco, e que serve para potenciar o tecido “empresarial, mariñeiro e cultural” do municipio. Para ampliar a oferta turística do evento gastronómico, desde o venres e durante a fin de semana, haberá visitas guiadas á illa de San Simón. As saídas están programadas desde o pantalán do museo de Meirande o sábado e o domingo ás 12 horas. Desde o peirao de Cesantes as saídas serán ás 16.30 horas o venres, sábado e domingo. As reservas poden facerse na Oficina de Turismo de Redondela ou no teléfono 620864052.

Ángela Antón concelleira de Eventos
A concelleira salienta a importancia dunha festa que pon en valor a excelencia do choco de Redondela.
Manteñen os prezos
Antón valora o esforzo dos hostaleiros que malia a suba no prezo do choco manteñen as racións co mesmo importe que o ano pasado.
Clemente Bastos patrón maior
Desde a confraría garanten a calidade do choco e piden unha maior implicación dos hostaleiros na festa.
Carlos Villamarín
Os empresarios sinalan que a festa beneficia a todo o comercio local.
Teresa París concelleira de Cultura e Turismo
París asegura que a festa é un orgullo para Redondela que potencia o seu tecido empresarial mariñeiro e cultural.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará