Hoxe é Luns 7 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Recta final da liga co BM. Chapela buscando a terceira praza e a SAR na loita pola permanencia

RR_Noticias

A Primeira Nacional do balonmán está a catro xornadas de rematar a liga, e coas prazas para a promoción definidas. Atl.Novás e Calvo Xiria pelexarán polo ascenso. Octavio, Lalín e Chapela buscan o terceiro posto. Na Honra Prata Feminina SAR e Chapela repetirán derbis.

O equipo que adestra Fran Teixeira non acadou o obxectivo de meterse no “play off de ascenso” de Primeira Nacional. Agora o conxunto de Chapela é 5º na táboa, co 3º posto a tres puntos, cando quedan catro xornadas e oito puntos en xogo. O adestrador explica que as numerosas baixas que afectaron ao equipo ao longo desta temporada impedíronlles estar na cabeza da táboa. Con todo, agradece a colaboración dos xogadores de equipos da base do club, que fixeron un “excelente traballo” tanto nos adestramentos como nos partidos. O BM. Chapela ten por diante catro xornadas complicadas ata que remate a liga, e a próxima cita é ante un rival directo, en Lalín. Os anfitrións veñen de perder de tan só un gol ante o Xiria, polo que quedaron tamén sen opcións de pelexar pola fase de ascenso. O partido será moi complicado para os de Chapela, xa que o Lalín, ademais de xogar na casa, ten un plantel de xogadores moi amplo e de calidade. Teixeira confía en rematar a liga “o máis arriba posible”, e repetir na próxima temporada os derbis coa SAR. Recoñece que o equipo redondelán “ten moi complicada a permanencia” pero lembra que aínda hai 8 puntos en xogo e “o obxectivo está a 3”. O peor, segundo o técnico é que salvación “non depende só deles”, e deben agardar tamén un tropezo do Rasoeiro. O sábado a SAR recibe ao Camariñas, da metade da táboa, e os redondeláns “teñen a obriga de gañar para seguir con opcións”. O Rasoeiro, pola súa banda, xoga ante o Camariñas, que adianta aos do Grove en tres puntos. Redondela mantén os dous equipos na División de Honra Prata Feminina Á espera de que poidan reeditarse os derbis na Primeira Nacional Masculina, o que xa está certificado é que os afeccionados ao balonmán seguirán a presencialos na Honra Prata Feminina. Rematada a liga nesta categoría a SAR fíxose coa 4º posición logo de perder o último partido ante o Oviedo, que é 3º. O Cíes Chapela tampouco foi quen de superar ao líder, o Cleba León, que celebrou o título en Chapela. Pero as de Lupo xa tiñan os deberes feitos ao ter asegurada a permanencia co 12º posto. Un panorama “espectacular” para o balonmán feminino, segundo Teixeira, non só a nivel local senón de toda a provincia.

Fran Teixeira adestrador do BM Chapela
O técnico lamenta que as numerosas baixas impedira ao equipo aspirar á fase de ascenso.
Lalín-Chapela
O Chapela ten un complicado partido o sábado ante o Lalín.
SAR Plastic Omnium
Teixeira lembra que quedan aínda catro xornadas para que a SAR poida salvarse pero advirte que non dependen de si mesmos.
Honra Prata Feminina
Teixeira salienta o espectacular estado de forma do balonmán feminino en Redondela e no conxunto da provincia.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará