Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

AER critica a concesión de axudas “a dedo” a festivais sen vinculación co Concello

RR_Noticias

Aseguran que dende o goberno local outorgouse unha axuda de case 7.000 euros a eventos “organizados por empresas sen vinculación algunha coa cultura de Redondela”. Concretamente falan dunha achega de 6.799,99€ á promotora e produtora de eventos musicais “Sinsalaudio S.L.” en concepto de patrocinio da actividade do “Festival Sinsal Estrella Galicia”. Lamentan que mentres as asociacións, centros culturais e entidades socioculturais sen ánimo de lucro teñen que optar a axudas para a organización de festivais en concorrencia competitiva e cun máximo de 3.000 € por proxecto, o goberno local conceda estas “axudas encubertas” a empresas privadas.

A Agrupación de Electores explica que fóra dos festivais que contan con convenio regulado co Concello de Redondela, os festivais locais máis humildes unicamente poden optar a unha axuda unha vez a administración local convoca a liña de subvencións específica. Estas entidades deben aportar gran cantidade de documentación e facturas xustificativas dos gastos realizados e defender xustificadamente os méritos do proxecto presentado, sendo avaliados en concorrencia competitiva, mesmo coa posibilidade de que esa axuda se lle denegue. Así, na edición do ano 2017 os festivais propios de Redondela recibiron axudas que ían dende os 301 € o que menos recibiu, ata os 2.500 € ao evento que maior contía de axuda acadou. Estas cantidades “están moi lonxe dos 6.799,99 € que o goberno local decidiu de xeito unilateral e sen dar explicacións ao respecto outorgar a un evento externo, sen que as iniciativas locais tiveran tal opción en ningún momento”.
AER considera que en Redondela existen procedementos regulados de axudas cunhas bases ás que rexerse, xa sexan a través da figura do convenio ou a través de convocatoria de subvención por concorrencia competitiva. Critican que se ocultara esta forma directa de axudar a eventos ou festivais sen pasar polos mesmos filtros que os demais eventos programados polas entidades que levan anos traballando en prol da dinamización cultural da vila e parroquias. Resulta aínda máis grave, engaden, “cando o agasallo a dedo foi outorgado a unha promotora ou empresa privada”.
Unhas críticas que AER amplía asegurando “ter denuncias por parte de entidades locais organizadoras de eventos, sobre situacións en que o goberno local rexeita colaborar prestando temporalmente material propio ou mesmo boicoteando a última hora, ao non aportar alternativas a eses mesmos actos culturais”.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará