A Deputación de Pontevedra aprobou o pasado 13 de novembro o proxecto para mellorar a seguridade viaria nun tramo de algo máis de seis quilómetros, cun investimento próximo aos 1,5 millóns de euros. A actuación, centrada fundamentalmente na renovación do firme e da sinalización da estrada entre Amoedo e os Valos, non convence nin á Plataforma en Defensa da EP-2702 nin ao Goberno local, que reclaman que se cumpra o compromiso de ampliar a vía e acometer unha mellora integral do seu trazado.
Segundo informou a Deputación, o proxecto responde á necesidade de reparar os danos ocasionados polas fortes chuvias dos meses de xaneiro e febreiro nunha estrada moi utilizada pola veciñanza e cun importante volume de tráfico de vehículos pesados. A intervención abrangue o tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0+000 e 6+394 e contempla o saneamento e a renovación do pavimento, así como a actualización da sinalización horizontal e vertical.
A actuación inclúe tamén a construción de dous muros de contención en puntos singulares para ampliar o radio das curvas, mellorar a visibilidade e optimizar a xeometría da vía. Ademais, instalaranse nove redutores físicos de velocidade e novas barreiras metálicas de seguridade nos puntos nos que sexan necesarias.
Con todo, estes traballos non responden ás expectativas xeradas arredor da mellora da EP-2702. A principal discrepancia está na ausencia dun proxecto de ensanche da estrada, unha demanda histórica dos veciños e que, segundo lembra a plataforma, formaba parte dos compromisos trasladados publicamente polo presidente provincial, Luis López. A proposta inicial incluía ampliar un primeiro quilómetro e mellorar o resto do trazado.
Desde a Plataforma en Defensa da EP-2702 consideran que o proxecto aprobado supón un novo incumprimento e denuncian que se pretende substituír unha intervención de maior alcance por unha actuación centrada na reposición do firme e na sinalización. O colectivo reclama explicacións á Deputación e advirte de que non aceptará que o novo asfaltado se presente como o cumprimento das promesas realizadas. Insiste en que a EP-2702 necesita investimentos estruturais que garantan unhas condicións de circulación seguras para os usuarios.
Ás críticas veciñais súmanse as do alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, que tamén esixe explicacións urxentes á Deputación de Pontevedra polo alcance da actuación e pola forma na que se comunicou.
O rexedor cuestiona, en primeiro lugar, a falta de comunicación institucional co Concello. Segundo denuncia, a Asociación de Veciños O Carme de Nespereira anunciou a reposición do firme e da sinalización antes de que o Goberno municipal recibise información oficial sobre o proxecto. Otero pide aclarar como tivo coñecemento anticipado da intervención a entidade veciñal e cuestiona se puido existir algún tipo de trato de favor por razóns políticas, ao aludir á vinculación dalgúns dos seus integrantes con candidaturas do PP.
O alcalde tamén comparte a preocupación pola posibilidade de que a renovación do firme acabe atrasando ou mesmo substituíndo o ensanche da estrada. Para o Goberno local, a reparación do pavimento non pode servir de argumento para deixar aparcada unha intervención integral que considera imprescindible para mellorar a seguridade viaria no municipio.
Neste sentido, Otero lembra que o Concello solicitou unha reunión coa Deputación o 3 de decembro de 2025 para abordar a situación da EP-2702, unha petición que, segundo afirma, continúa sen resposta. O rexedor reclama información sobre o procedemento seguido para aprobar a actuación, os investimentos previstos e, especialmente, a súa compatibilidade co futuro ensanche, así como un calendario concreto para executar as melloras pendentes.










Unha resposta
Mágoa que o lugués este ríndose da veciñanza de Pazos de Borbén. O Concello de Pazos de Borbén debería publicar na páxina web toda a documentación, convenios e actas das xuntanzas coa Deputación de Pontevedra sobre o tema da estrada. Luciano ten que poñerse serio e non pasar nin unha, o PP na Deputación non xoga limpo, non poden seguir con ese estilo de pleitesía, ten que loitar polo que se firmou. A plataforma debería elevar o tono nas súas reivindicacións, que lle pasasen información antes a asociación de veciños de O Carme de Nespereira,… Vaia trileiros son os do PP na Deputación de Pontevedra.