Foto: Policía Local Redondela
Un varón de 39 anos resultou ferido grave tras sufrir un aparatoso accidente na madrugada de hoxe, en torno ás 05:15 horas, na estrada N552 entre Redondela e Vigo. O mozo tivo que ser excarcerado polos bombeiros “en estado semiinconsciente” e trasladado a un centro hospitalario ante a gravidade das súas lesións. Segundo o 112 Galicia “testemuñas do accidente explicaron que o coche superou unha rotonda e, finalmente, envorcou quedando a persoa condutora atrapada no interior”.
Os feitos producíanse de madrugada e, segundo informan dende a Policía Local, o suceso tivo lugar tras saírse da vía o vehículo que circulaba pola estrada Vigo- Redondela. O turismo quedou envorcado sobre un lateral da estrada e o seu único ocupante, un varón de 39 anos, quedou atrapado no seu interior sendo necesaria a intervención dos bombeiros que procederon a súa excarceración para poder ser liberado e trasladado ao hospital Álvaro Cunqueiro.
O aviso do accidente chegou ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias pouco despois das cinco da madrugada. Desde o 112 coordinouse a mobilización dos distintos equipos de intervención, incluídos os servizos de bombeiros do Baixo Miño e os bombeiros de Vigo.
Os axentes da Policía local foron os primeiros en chegar ao lugar para poder socorrer a vítima, pero dada a gravidade do suceso e a complexidade do rescate foi precisa a intervención de ata 4 ambulancias.
Acudiron tamén ao lugar axentes da Garda Civil de Tráfico que se fixeron cargo da investigación para tentar aclarar as causas que estarían detrás do sinistro.
No lugar tamén colaboraron efectivos de Protección civil de Redondela e mantemento de estradas.









