A ANPA Penedos do Colexio Laredo de Chapela vén de facer historia ao converterse na primeira asociación de nais e pais en recibir un premio no Concurso de Boas Prácticas pola Igualdade da Deputación de Pontevedra. Un recoñecemento que pon en valor o traballo continuado da entidade na promoción da igualdade e na construción dunha comunidade educativa máis inclusiva, participativa e igualitaria. O premio está dotado con mil euros.
O premio distingue un proxecto que a ANPA leva anos desenvolvendo cunha idea fundamental: que a igualdade non se limite a actividades puntuais nin a datas sinaladas no calendario, senón que forme parte da vida cotiá do centro educativo.
Con este obxectivo, a asociación impulsou diferentes iniciativas que buscan trasladar os valores da igualdade a todos os ámbitos da convivencia escolar. Entre elas destacan A Noite no Cole, unha experiencia destinada a fomentar a convivencia e crear vínculos entre o alumnado; Un patio para todos e todas, un espazo deseñado polo propio alumnado para garantir que todos os nenos e nenas teñan o seu lugar; e a Biblioteca do Xogo, que utiliza o xogo como ferramenta para promover a igualdade de oportunidades.
O proxecto complétase coa Biblioteca da ANPA, concibida como un lugar para compartir lecturas, descubrir e fortalecer os vínculos da comunidade; un invernadoiro colectivo, que favorece a participación, a convivencia e a aprendizaxe compartida; e un mural colaborativo elaborado con materiais reciclados, unha iniciativa que combina creatividade, cooperación e sensibilización ambiental. Martín Diéguez é o presidente da Asociación.
A asociación considera que este premio é froito do traballo colectivo de toda a comunidade educativa: alumnado, familias, profesorado e persoas colaboradoras que, ao longo destes anos, participaron e apoiaron as distintas propostas. O seu presidente non dubida en amosar a súa satisfacción por un premio que leva aparellado tamén unha achega económica de mil euros.
Coa concesión deste galardón, a ANPA Peneda reafirma o seu compromiso de seguir construíndo un colexio no que todas as persoas teñan o seu lugar e no que a igualdade non só se ensine, senón que se viva e se constrúa cada día.














