Hoxe é Sábado 14 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Chapela presenta «Raíz na Rúa», o proxecto que busca recuperar os espazos verdes da parroquia

chapela-xardin

O Multiúsos do Piñeiral do Crego acolle este venres 13 de novembro ás 19:00 horas a presentación da iniciativa que busca renaturalizar zonas urbanas, crear xardíns comunitarios e implicar a cidadanía no coidado das plantas.

A iniciativa, promovida desde a vogalía de Xuventude da asociación e financiada a través do programa Plan +Xuventude da Deputación de Pontevedra, nace co obxectivo de renaturalizar espazos urbanos degradados, crear novos xardíns comunitarios e recuperar macetas e xardineiras abandonadas. A finalidade é gañar espazos verdes en Chapela, mellorar a calidade de vida e favorecer unha contorna máis amable e habitable fronte á presión urbanística.

O proxecto responde tamén á preocupación pola falta de zonas verdes e de sombra en determinados espazos públicos, especialmente nos parques infantís, onde as altas temperaturas durante o verán poden dificultar o uso das instalacións.

As primeiras actuacións levaranse a cabo nas avenidas de Redondela e de Vigo, coa reposición de plantas nas macetas que actualmente están baleiras. Ademais, está prevista a creación de novos xardíns en lugares como o camiño dos Balandros e a parte traseira do local da asociación veciñal. Os traballos comezarán nos vindeiros días e estarán acompañados de obradoiros na biblioteca e nos centros educativos da parroquia.

Un dos piares fundamentais de «Raíz na Rúa» será a implicación da veciñanza. Para iso, a asociación impulsará a figura dos «Gardiáns da Raíz», persoas que poderán apadriñar unha planta e asumir o compromiso de coidala, contribuíndo así a que os novos espazos verdes se manteñan no tempo.

A presentación oficial servirá para dar a coñecer o proxecto, os seus obxectivos, as actuacións previstas, as entidades colaboradoras e o funcionamento desta iniciativa de participación cidadá.

Desde a Asociación de Veciños de Chapela convidan a toda a veciñanza a asistir ao acto e formar parte deste proxecto colectivo que pretende devolverlle protagonismo á natureza nas rúas da parroquia. Porque recuperar o verde tamén é construír comunidade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará