Unha iniciativa nas redes sociais busca recuperar o ocio nocturno no noso concello. O seu promotor é Adrián Montero Barreiro quen impulsa unha proposta para que, aló menos un sábado ao mes, a xuventude volva saír en Redondela, recuperando o ambiente nocturno que a vila perdeu co paso dos anos.
«O ocio nocturno en Redondela non é o que era». É unha frase que se repite entre moitas persoas de mediana idade que lembran aqueles anos nos que a noite redondelá estaba máis que viva. As noites dos venres e, sobre todo, dos sábados enchían de xente os locais da vila, convertendo o Casco Vello pero tamén outras zonas da vila, nun dos principais puntos de encontro da mocidade da comarca.
O mítico Miramar foi un dos primeiros locais en marcar os incios daquela época, ao que despois se sumarían outros moitos establecementos que contribuíron a crear un ambiente nocturno que hoxe queda na memoria de toda unha xeración.
Co paso dos anos, aquela actividade foi esmorecendo. O peche progresivo de distintos locais reduciu as opcións de ocio na vila, unha situación que alcanzou o seu punto máis crítico coa pandemia, cando a vida social quedou paralizada durante meses. A recuperación da normalidade, superada a crise da Covid, non supuxo volver ao ambiente nocturno previo.
Na actualidade, boa parte da mocidade redondelá opta por desprazarse a outros concellos, principalmente a Vigo, para saír de festa. Unha alternativa que, ademais de supoñer un gasto engadido, presenta dificultades relacionadas coa mobilidade e a seguridade. A escaseza de transporte público en horario nocturno obriga a recorrer ao taxi ou a depender das familias, que en moitos casos teñen que facer desprazamentos de arredor de media hora para ir buscar os seus fillos e fillas.
Ante esta realidade, Adrián decidiu dar un paso adiante e impulsar unha iniciativa a través das redes sociais, Facebook e Instagram, co obxectivo de animar a veciñanza a «recuperar a noite de Redondela». A proposta é sinxela: conseguir que, polo menos un sábado ao mes, a mocidade saiba que vai haber ambiente na vila e teña un motivo para quedar e saír en Redondela, sen necesidade de desprazarse a outros municipios.
Para facer realidade esta idea, Adrián tamén se puxo en contacto cos locais de ocio que aínda permanecen abertos, convidándoos a sumarse á iniciativa e organizar actividades que contribúan a animar as noites. A data escollida é o penúltimo sábado de cada mes, unha cita periódica coa que se pretende recuperar pouco a pouco o movemento nas rúas e crear de novo un punto de encontro para a xuventude.
A iniciativa xa ten data para comezar. O vindeiro sábado 21 de novembro celebrarase a primeira Noite Redondelá, unha convocatoria coa que se pretende dar o primeiro paso para recuperar o ambiente nocturno da vila. A intención é que esta primeira convocatoria sexa só o comezo dunha proposta que teña continuidade no tempo.









